Este libro, Farruco de Montrove e os gaiteiros da Coruña, "partiu dunha necesidade", como conta o seu autor, Moncho do Orzán, da necesidade de contar a historia da gaita na cidade. "Non había un libro que contase a tradición gaiteira da Coruña. Existe unha época na que os gaiteiros que tocaban na cidade eran coruñeses pero, a partir dos anos cincuenta, coa inmigración interna foise mudando", describe Moncho do Orzán, que foi buscando retallos da vida daqueles homes aos que tanto escoitara nomear para facer un retrato do que foran as súas vidas.

Coa chegada dos gaiteiros doutras vilas á cidade cambiaron tamén os repertorios e os estilos, así que, Moncho do Orzán quixo ir un pasiño máis atrás no tempo, a esa época da esencia da gaita na comarca. "Houbo un gaiteiro referencial, Farruco de Montrove, que foi o que legou o repertorio dos gaiteiros do século XIX aos que naceran a principios do XX", comenta. Entre eles, Henrique Ambite, Francisco Paradela, Os Tempranos de Eirís e Francisco Corral.

Foi un bisneto de Farruco de Montrove quen lle facilitou información para poder buscar máis sobre a vida deste home que, segundo as pescudas do autor, puido ter nacido na parroquia de Montrove, en Liáns, no ano 1850 e que levaba por nome Francisco Vázquez García e que viviu até o ano 1938. Seu é o retrato que está no Museo de Belas Artes catalogado como o primeiro retrato dun gaiteiro.

Esta obra fíxoa Jaspe Moscoso e a Moncho do Orzán deulle por pensar se, daquela, este home sería xa un autor consagrado. "Era un pintor que pasaba tempo no Pazo do Río en Montrove e, tirando dos datos, vin que no ano 1876, que é cando fai o cadro, tiña vinte anos e Farruco de Montrove, 26... Eran dous rapaces!", explica o autor do libro, que convida os veciños a visitar o cadro no que estes dous homes contribuíron a se dar sona un ao outro. Jaspe recuperou anos despois esta ilustración para facer unha versión a papel que publicou na Ilustración Gallega y Asturiana, no ano 1880, que se distribuíu por toda España.

Pero, que se sabe de Farruco de Montrove? Di Moncho do Orzán que, "pouca cousa", que tocou moito na Coruña, incluso que recibiu a unha delegación francesa... Basicamente, que viña tocar á Coruña, a unha cidade que, daquela, xa tiña os seus propios gaiteiros.

O primeiro concurso de gaitas de Galicia celebrouse no ano 1876, en Ourense, e tres anos despois fíxose outro na Coruña, organizado polo Liceo Bretón de los Herreros e "aí tocaron O Ventosela, Rilo de Betanzos e un tal Francisco Pato", explica Moncho do Orzán, que quere que esta publicación sirva tamén como un fío do que poidan tirar outros autores para que poidan seguir investigando, porque deste Francisco Pato, por exemplo, non hai máis información.

O libro comeza cunha entrevista a dous gaiteiros actuais, a Manuel Ambite -fillo de Henrique Ambite- e a Anxo López Paradela -sobriño de Paradela-, herdeiros da tradición coruñesa. "Na Coruña temos un repertorio específico, moi interesante e, incluso, unha maneira de tocar determinada", explica Moncho do Orzán, que acompaña a obra dun CD no que se poden escoitar pezas de Ambite e dese repertorio herdado, ademais das partituras.

"A cuestión da gaita na Coruña é que nos últimos anos asistimos a unha perda de repertorio, de diversidade gaiteira. Está moi ben que se aprendan outras cousas á hora de tocar, doutras latitudes galegas, pero temos que prestar atención a recuperar as formas propias e o repertorio, algunhas pezas son, incluso, creacións destes gaiteiros. A Foliada de Elviña, por exemplo, xa a tocaba o Farruco de Montrove e recolleuna Paradela", explica.

Pero que ninguén pense que aprender a tocar a gaita naqueles anos era como agora, que se pode ir a clase e que hai escolas de música. "Os gaiteiros daquela non eran tan abertos. Eles [quen quería aprender] ían escoitalo ás festas pero tamén ao pé da ventá da casa", di Moncho do Orzán que lembraban gaiteiros como Os Tempranos ou Paradela.

"Exceptuando Emilio Corral, que foi o gaiteiro que tivo acceso a formación musical desde pequeno, porque estudou nas escolas Labaca, onde xa había unha banda de música e estudou clarinete, os outros tiveron que aprender de orella", relata o autor e profundiza en que, "non sempre se pode plasmar por escrito unha maneira de tocar. Cómpre pensar como cambiou o sistema de afinación da gaita co paso do tempo. É outra acústica, as notas non están colocadas no mesmo lugar que agora e iso dá paso a outras sonoridades", segundo explica Moncho do Orzán, que considera que esa sonoridade conecta a gaita coa que tiñan os instrumentos antes do Barroco, que foi cando se estandarizou o son.

"Aínda hai xente que mantén o repertorio da Coruña. Asistiuse hai uns anos a unha fuxida cara adiante. Houbo un boom da música folc, das foliadas e os seráns, que é marabilloso e moi interesante porque se logrou que houbese un interese colectivo e xeral polo folclore, pero quedamos na epiderme porque agora, o repertorio de gaita que se está a ensinar en toda Galicia é practicamente o mesmo. É un fenómeno globalizador da gaita", reflexiona Moncho do Orzán, que defende o repertorio actual, mais pula por recuperar as pezas, estilos e maneiras de tocar propias de cada lugar.