"Pasarei á posteridade como o rescatador de historias", asegura entre gargalladas Lino Braxe, mentres repasa o número de pezas que ten recuperado ata o de agora para as táboas. Desde o pasado ano, o director e dramaturgo coruñés atópase nunha voráxine de estreas. A Soldadeira e Esquema de farsa, os textos de Luís Seoane, representábanse por primeira vez estes meses da súa man, nunha listaxe á que se unirá esta tarde as verbas de Isaac Díaz Pardo. O Midas do intelectual santiagués terá a súa primeira dramatización a partir das 20.30 horas na Fundación Seoane, onde tamén se presentará o facsímile editado pola Deputación Midas e O Ángulo de Pedra.

A posta en escena, adaptada e dirixida por Braxe, estará "a medio camiño entre unha lectura dramatizada e unha montaxe teatral". Os doce actores de Teatro Proscrito contarán cun vestiario grecolatino propio das súas personaxes, entre os que destacarán Midas (Xoán Carlos Mejuto), o poeta Sileno (Braxe) e a súa filla (Manuela Varela). "Midas quere conseguir o secreto da vida que supostamente posúe Sileno", resume o dramaturgo, que concibe a súa versión da obra "como unha zarzuela galega". Tanto o coruñés, como a mezzosoprano Rita Gasalla cantarán algunhas pezas na representación, na que Braxe busca potenciar o humor que Díaz Pardo exhibe nos primeiros actos do texto. "El di que é unha traxedia, pero eu penso que é unha traxicomedia. Ten moito do seu sentido do humor", afirma o director.

Precedendo á obra teatral, terá lugar a presentación de Midas e O Ángulo de Pedra. O libro, publicado pola Editorial Citania nos Bos Aires de 1957, tiña esgotadas todas as súas edicións, que o director decidiu recuperar coa axuda da Deputación polos setenta anos do lanzamento da peza. Realizada a comezos deste ano con notas e prólogo de Braxe, será hoxe cando se presente de xeito oficial xunto á súa representación, na que non se inclúe o segundo dos textos editados. "O de O Ángulo de Pedra é imposible, esixe moitos actores infantís. Con esa si que non me atrevo", di Braxe, que prepara xa a adaptación de O Paseo das Esfinxes de Luísa Villalta para o 23 de maio. "Esa obra tampouco se puxo nunca en escena. Este está a ser un ano moi especial", conclúe.