14 de abril de 2018
14.04.2018
Artículo.

Os sapoconchos de Eirís

18.04.2018 | 11:48
Sapoconcho de Florida (Trachemys scripta) na pequena poza do Monte de San Pedro na cidade da Coruña (foto: C. D. Romay Cousido).

Non é complicado avistar sapoconchos na Coruña. Basta con achegarse á fonte ornamental do hospital Abente y Lago ou botar un ollo á superficie ou marxes da lagoa de Eirís. Seguro que serán ducias os individuos que poderemos contar deste réptil, máis grandes ou máis pequenos, estáticos na procura de raiolas de sol ou avanzando no líquido elemento.

Non son sapoconchos que chegaran alí de xeito natural: realmente foron ceibados por particulares que os tiveron un día de mascota, a miúdo en curiosas pisciniñas de plástico cunha palmeira ou cocoteiro do mesmo material simulando unha illa tropical. Mentras os sapoconchos eran pequeniños non daban apenas problemas, pero a medida que medraban a situación tornábase menos cómoda por cuestións de espazo e voracidade. E iso se pasaban do seu primeiro letargo invernal, momento no cal moitos sapoconchiños eran guindados fóra polos seus donos ou donas pensando que pasaran a mellor vida.

Con excepción dalgún sapoconcho riscado ( Mauremys leprosa) observado recentemente, todas estas tartarugas introducidas na nosa bisbarra son dunha especie norteamerica: o sapoconcho de Florida ou de orellas ( Trachemys scripta), orixinaria do cadrante sudeste dos Estados Unidos e masivamente exportada como mascota ao resto do mundo a mediados do século pasado. A nivel español a súa introdución no medio natural está prohibida por lei, e, ademais, en virtude do Real Decreto 630/2013, está oficialmente considerada "especie exótica invasora".

Ocasiona problemas nos medios onde se introduce, sexan lagoas, treitos de ríos lentos ou encoros: polo seu insaciable apetito depredador sobre pequenos crustáceos, besbellos de libeliñas, ovos de anfibios e peixes e incluso sobre as fases xuvenís destes. Os individuos grandes de sapoconcho (chegan á talla dun prato sopeiro) chegan mesmo a trabar a crías de patos ou a depredar sobre outros sapoconchos. As grandes concentracións deste réptil acuático a asollar na beira destas zonas húmidas impide o uso destas ribeiras por outra fauna, afectan a niños de aves acuáticas e os seus excrementos contribúen a eutrofizar as augas. E máis aínda, estes sapoconchos norteamericanos poden transmitir parasitos trematodos do xénero Polystoma aos sapoconchos autóctonos, como o europeo ( Emys orbicularis), en perigo de extinción en Galicia e obxecto dun plan de recuperación con financiamento público. Esta última especie está presente nas Mariñas coruñesas (en concreto no esteiro do río Mandeo), e poderíase ver condeada pola expansión do sapoconcho de Florida na zona, que xa colonizou os encoros de Rexidoiro e Meicende en Arteixo, o de Abegondo-Cecebre, a lagoa de Mera en Oleiros, o rego da Traba en Culleredo e as Brañas de Sada. Mesmo apareceu na pequena charca do monte de San Pedro na cidade da Coruña.

E que podemos facer nós? O primeiro, lembrar que o sapoconcho de Florida é unha especie exótica invasora, polo cal é ilegal poñelas á venda e mercalas, e tamén ceibar no medio natural as que aínda existen en catividade. Debemos comunicar ao noso concello ou ao Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia os avistamentos de individuos en calquera zona húmida, e solicitar a súa retirada inmediata. Así e todo, a súa captura é lenta e custosa, e deberemos esperar resultados a medio e longo prazo.

Mentras tanto, a non quitar ollo aos sapoconchos?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


En diciembre de 2018 el Circo del Sol representará su espectáculo OVO en A Coruña. Para celebrarlo en La Opinión sorteamos un pack de productos del mismo (taza, lámpara y bolsa)
¡Participa!

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine