O CIFP Someso da Coruña é un dos cinco centros educativos seleccionados para participar na cuarta edición de Miniempresas Coruña e o único que participa con dous proxectos: BuggyMax e MaisQpezas. O programa está coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Ademais deste centro traballan nesta iniciativa que busca fomentar a creación de empresas no eido educativo o CIFP Paseo das Pontes, o IES Universidade Laboral de Culleredo, o CIFP Ánxel Casal e o IES Isaac Díaz Pardo.

No caso de BuggyMax, o curso pasado o alumnado que está a levar a cabo este proxecto cursou o módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora. Dentro deste ciclo, na fase de Idea de negocio o alumnado xerou ideas para poñer en marcha. Unha delas que xurdiu en gran grupo por parte dos alumnos do ciclo medio de Soldadura foi a de crear unha entidade de fabricación e venda de buggys eléctricos. Como eles sós non poderían facelo porque carecen dos coñecementos sobre electromecánica necesarios, decidiron falar cos compañeiros do ciclo de Electromecánica para que formaran parte do proxecto e aí botou a andar e a tomar forma e viron no programa Miniempresas unha plataforma idónea para levalo a cabo. O equipo de traballo final está composto por estudantes dos ciclos medios de Mecanizado, e Soldadura.

Os coordinadores destacan que un dos eixes do proxecto é que está levado a cabo por alumnado do réxime modular, que non adoitan participar en actividades do centro porque cursan os seus estudos polas tardes é as actividades concentranse en horario de mañá.

Por outra banda, a innovación é parte esencial do proxecto xa que, unha vez a empresa estivese en marcha, os vehículos producidos serían 100% eléctricos. Por cuestións económicas ten un motor a gasolina, xa que o investimento será moito menor e desta forma diminúe o risco que asumen os emprendedores. Se ben, a idea é vender os coches con baterías eléctricas, que, aínda que aumenta os custos do vehículo, marca a tendencia innovadora da miniempresa e terá como elemento diferenciador o respecto ao medio ambiente.

O proxecto promocionase nunha páxina web e nas redes sociais. En canto á comercialización, os seus clientes potenciais son empresas que precisen estes vehículos para algunha das súas actividades. Poden ser desde entidades adicadas ao turismo, xa sexa urbano ou rural, a outras de gran tamaño que requiren facer traslados dentro das súas propias instalacións. Ou tamén os corpos de seguridade do Estado. Debido ás particularidades, dos clientes a venda levaríase a cabo a través de visitas ás propias empresas.

Os alumnos que están dentro deste proxecto traballan de forma diaria no proxecto incluíndo a construción do prototipo dentro dos módulos que están a cursar ademais de tarefas máis administrativas de posta en marcha e desenvolvemento da miniempresa. Os participantes aceptan moi ben estad propostas que lles permiten desenvolver a súa creatividade e o seu espírito emprendedor.

No centro non se realizaron con anterioridade ningún proxecto miniempresas, pero si participaron en concursos de emprendemento dende xa fai varios anos, e obtivéronse os primeiros premios en varias ocasións.