Na Facultade de Ciencias da Educación, no Campus de Elviña, inaugúrase mañá ás 12.00 horas a mostra Cartografía social do dereito ao hábitat na cidade da Coruña, Cartografía social do dereito ao hábitat na cidade da Coruñaun traballo no que participaron casi 200 alumnos e alumnas do centro e que ofrece una fotografía do senfogarismo nos barriossenfogarismo . A profesora Laura Cruz explica como foi esta investigación de case un ano.

- Como xorde este proxecto de facer unha cartografía social do dereito ao hábitat na cidade?

-É unha colaboración con Arquitectura Sen Fronteiras, dentro dun proxecto máis grande. Nós, desde o Grao de Educación Social, xuntámonos dous profesores de dúas materias de segundo e de terceiro curso para facermos a cartografía social co alumnado e descubrirmos como estaba o dereito ao hábitat na cidade e como estaba garantido.

- Cando falamos do acceso a un hábitat digno, facémolo exclusivamente de persoas que non teñen fogar ou que residen en infravivendas?

-Falamos de moitas cousas, acollémonos á definición da federación de entidades que traballan coas personas sen fogar e tamén do autor Cabrera, que estende a definición do senfogarismo non só a quen vive na rúa senón tamén ás persoas que viven en condicións que non son axeitadas. Está en situación de senfogarismo quen está ameazado de desafiuzamento, quen non ten a súa vivenda en condicións axeitadas, persoas maiores con mobilidade reducida e que viven nun piso sen ascensor, familias que están en situación de amoreamento, mulleres maltratadas que viven en casas de acollida pero, cando xa non poidan estar aí, non teñen onde ir...

- Logo deste traballo, cales son barrios nos que hai máis situación de senfogarismo ?

-O alumnado fixo moitísimos quilómetros. Primeiro, definimos pautas de observación para non nos centrar só en barrios chabolistas ou en escenas de xente que dorme na rúa, que busca no lixo ou que pide esmola e atopamos máis de 900 marcas de posición. Isto amosa unha dimensión moi ampla do problema. Non é o mesmo a presenza de persoas migrantes en barrios periféricos que en barrios primarios. Cando fixeron entrevistas a axentes clave, profesionais, e persoas en situación de vulnerabilidade, había moita coincidencia en cales eran os barrios máis marxinalizados, que non marxinais. Son os que están máis afastados, os que non reúnen boas condicións de espazos públicos, con menos hixiene, limpeza e recursos. Neses barrios están as persoas inmigrantes, as que pertencen a minorías e tamén é onde están situados os centros que prestan servizo ás persoas sen fogar.

- Cales serían?

-A Agra do Orzán, a Sagrada Familia, Labañou, Os Mallos, A Pasaxe, evidentemente... Está ben conxugar as dúas cousas, as derivas do alumnado, identificando a presenza do senfogarismo, porque tamén está presente nos barrios primarios, que é onde poden sobrevivir. Cando hai xente pedindo na rúa está no Orzán, en Monte Alto, na rúa Real... pero tamén está onde están situados os albergues.

- Teñen cifras de senfogarismo na cidade?

-Cifras non podemos dar porque o alumnado fixo derivas puntuais, case como fotografías de varios días do que observaron. Viron tamén moitas vivendas abandonadas, precarias, okupadas, mais poucas de protección oficial. O problema non é de falta de vivenda, senón de vontade política.

- Logo, pódese revertir esta situación?

-Si, pero precísase un cambio drástico nas políticas sociais e de emprego. As persoas entrevistadas apuntaban a que cunha Risga non se pode acceder a unha vivenda. Son moi poucos cartos para pagar un alugueiro. Hai usuarios de Padre Rubinos que teñen traballo, pero é tan precario, que non lles dá para ter unha vivenda.

- Falan de que queren promover unha conciencia crítica, segue pensando moita xente que caer nunha situación de senfogarismo é cousa doutros?

-Os estudantes aseguraron que lles permitira rachar con moitos estigmas, a idea de senfogarismo vai asociada a persoas con enfermidades mentais, con alcolismo, xente maior que arrastra as súas cousas pola cidade... Ter visitado todos os recursos que hai na cidade permitiulles decatarse de que están entrevistando a persoas normais que tiñan unha vida normalizada pero que, nun momento determinado, pola perda do traballo ou por outras cuestións, acabaron na rúa.

- Segue a haber mitos e bulos moi estendidos entre a poboación, tales como que aos inmigrantes se lles dan máis axudas ou que a xente que vive na rúa é porque quere, como se poden rachar se levan tantos anos arraigados?

-Visibilizando unha realidade que é invisible, e é invisible desde o momento no que situamos os recursos para persoas sen fogar ás aforas da cidade, alí onde é difícil chegar, facémolo para non velo e para non nos responsabilizar. Accións deste tipo axudan a loitar contra esta barreira. É unha barreira que atopamos incluso no persoal da rede de servizos. O senfogarismo é o máis extremo da exclusión social, e é tan difícil de comprender que ás veces nos leva a culpabilizar ás persoas porque non podemos soportar que existan, en cidades avanzadas coma a nosa, realidades coma esa. As persoas sen fogar o que demandan é máis visibilidade.

- Hai algunha tendencia de se vai a máis ou a menos o senfogarismo na cidade?

-Vai a máis, coa crise e coa xestión neoliberal que se fixo da crise, incrementáronse as persoas sen fogar. Cabrera presentou un estudo a nivel galego, que recollía un aumento notable de mulleres sen fogar e de persoas novas, con formación universitaria. É un aumento derivado do recorte das políticas sociais. Na Coruña hai cada vez máis recursos, iso é porque están aumentando as necesidades.

- Cales foron os resultados obtidos na utilización do ezpazo público?

-Hai unha privatización do espazo público na cidade. O alumnado vía como moitas prazas públicas están cada vez máis ocupadas de terrazas e negocios. Son uns espazos aos que as persoas sen fogar non poden acceder.