Os seus máis de 20 anos na música repásaos María do Ceo en De Portugal a Galicia Fado, o disco que presentará esta tarde ás 21.00 horas no teatro Colón. A fadista, coñecida por moitos como a sucesora de Amália Rodrígues, estará tamén mañá no edificio da Marina, onde lle cantará aos máis pequenos desde as 12.00 horas co seu álbum Cancións para nenos e nenas.

- De Portugal a Galicia Fado . Ese é o resumo da súa vida.

-Si, é o resumo de todos os anos que levo actuando, que xa son 22. Este disco engloba os fados máis tradicionais que me apetecía cantar desde hai moito. Eu sempre cantaba o estilo do fado menor e a música máis popular, pero neste atrevinme máis a entrar no fado vianinha, no pexinxa, no magala?

- Como é a viaxe que propón con eles?

-É esa viaxe que inicio en Porto, cando saín da miña terra con 10 anos e vin a Galicia. Eu convivín, e sigo a convivir desde hai 48 anos, con e para os galegos. Xa non podo ser unha fadista ao uso como as que viven en Lisboa, porque levo moitos anos facendo ese estilo de música tan diferente. E é o estilo polo que teño que loitar, porque é o que teño.

- Sempre di que Galicia deulle moita dozura á hora de interpretar.

-Agradecerei toda a miña vida aos meus pais que, cando decidiron emigrar, se quedaran en Galicia en vez de noutra parte de España. A lingua galega aportou ao portugués esa dozura, e a fusión coa melancolía do portugués fai que este fado que eu teño sexa tan diferente.

- Na parte galega do disco pon música a varios escritores de aquí, como Rosalía de Castro ou Carlos Casares. Emociónalle cantar aos poetas galegos?

-Moitísimo. Por exemplo, eu atópome moi satisfeita coa versión que fixen de Teño saudade, unha canción á que eu lle tiña moitas ganas. E xa non digamos Quen poidera namorala, que ademais a canto co meu amigo Xosé Manuel Piñeiro. Hai ese frescor e esa dozura tan bonita na mestura das dúas voces.

- A súa introduciu o fado en Galicia nun momento no que non se cantaba. Iso foi unha vantaxe ou unha desvantaxe para os seus comezos musicais?

-Foi unha vantaxe, aínda que tamén toda unha odisea. Ao contrario que outras artistas, que desde pequenas se preparan para unha carreira musical, eu nunca na vida tería podido imaxinar que algún día me dedicaría á música. Eu estaba traballando nunha cadea de supermercados de Ourense cando me quedei sen traballo. Como estaba tan triste, o meu marido decidiu invitarme a unha casa de comida portuguesa, onde había un acordeonista que estaba a tocar. O meu marido díxolle que eu tamén era portuguesa, veu falar comigo e díxome se quería cantar con el. De aí empezou a falar a xente de nós. Todo o mundo quedou pasmado, ao principio pensaban que eramos galegos.

- Pásalle tamén en Portugal?

-Si, claro. Cando eu chego a Portugal son a señora galega que canta fado [ri]. Cando estou cantando os fados máis tradicionais, procuro centrarme un pouco máis na lingua, no acento. Pero, por outra parte, se me centro moito niso a substancia xa non é María do Ceo. Cando estou cantando gústame sentirme libre.

- A pesar das mesturas, a orixe da súa paixón pola música si que é totalmente portuguesa. Lembra a primeira vez que escoitou a Amália Rodrigues?

-Como se fora agora mesmo. Foi nunha emisora de radio en Portugal, cando tiña cinco anos. Escoitei Vou dar beber à dor. Desde ese intre, o fado meteuse dentro do meu corazón, e xa non saíu máis.

- Co seu disco máis recente tense ido por outros derroteiros. Como xorde esa incursión no mundo infantil de Cancións para nenos e nenas ?

-Hai cinco anos fun avoa. O meu fillo, que toca comigo, tivo dúas mellizas preciosas, Norah e Chloé, e comecei a ver que escoitaban esas cancións infantís, que ao final tampouco te deixan moita pegada na cabeza. Un día, falando con Armando González, propúxome o disco. É un traballo redondo, todo baseado no rural. Fala do mar, da polisemia, das razas autóctonas galegas?

- Quédalle logo pendente aquel disco de duetos.

-Si, pero non é doado, porque ten que ser xente moi dada a min, e ao mesmo tempo con facilidade para poder facelo. Quizais antes de disco farei un segundo volume de De Portugal a Galicia Fado, e outro disco dedicado aos nenos. Temos moitas cousas que contarlles.