Unha nova rúa para dúas mulleres que abriron camiños, a cidade da Coruña contará proximamente, segundo explicou onte o alcalde, Xulio Ferreiro, cun vial no polígono de Náutica, que levará o nome de Marcela e Elisa, as mestras galegas que protagonizaron o primeiro casamento de persoas do mesmo sexo en España, en 1901.

É unha homenaxe da cidade ás súas veciñas, a dúas mulleres que -como tantas outras ao longo da historia- tiveron que loitar para reclamar un espazo que se lles tiña negado.

"Isto dá mostra de que A Coruña foi, e será, unha cidade pioneira no coidado e no respecto ás diversidades", lembrou onte Ferreiro, que puxo o foco en que a cidade da Coruña non se sumara "a unha onda de cambio" senón que estar mudando constantemente e "as arelas de liberdade" nunca deixaran "de estar presentes nas súas rúas e nos seus barrios".

A outra muller loitadora e persistente lembrou onte a cidade, a María Pita, coa ofrenda floral na súa casa, hoxe convertida en museo, e tamén ante a estatua que a recorda na praza do Concello. Ao acto acurdiron ademais do alcalde, Xulio Ferreiro, o concelleiro do PSOE José Manuel Dapena, que lle axudou a colocar a coroa de loureiro aos seus pés, e outros edís da Marea Atlántica. Non había na comitiva ningún representante do PP nin do BNG.

Estiveron tamén no acto os e as integrantes da orde de Cabaleiros de María Pita, e a Banda Municipal, que interpretou á chegada da corporación o Antergo Himno de Galicia e, ao final, acompañada da coral da Sagrada Familia, o Himno Galego.

No seu discurso, o alcalde lembrou que todas as "fazañas" que ten conseguido a cidade non poderían ter rematado igual sen a intervención das veciñas, para as que esixiu "a igualdade efectiva" e o derrubamento das barreiras. "Queremos recoñecer e agradecer o traballo e a memoria das outras Mariapitas desta cidade, o resto de mulleres que, desde o público ou o privado, desde o recoñecemento ou desde o anonimato, defenderon o progreso e a autonomía dunha terra brava, posuidora dun patrimonio inigualable e unha xenerosidade histórica", segundo explicou onte Ferreiro.

Soaron entón, os nomes Isabel Zendal, de Rosalía de Castro, de Emilia Pardo Bazán, de Concepción Arenal, e o nome das cigarreiras que clamaban polos seus dereitos laborais e tamén o das peixeiras. "María Pita tamén está hoxe en día aquí, entre nós, con todas as veciñas que, como ela fixo, empuñan espadas. Espadas que non posúen o fío da violencia senón que están cargadas de dignidade e que serven para facer fronte a todas as mandas de covardes, dos que se senten ameazados polas liberdades e responden co terror contra as mulleres", explicou Ferreiro no seu discurso.

O alcalde tamén fixo referencia na súa intervención á recuperación do patrimonio histórico da cidade, como o castro de Elviña, a restauración da Porta de San Miguel ou as actuacións que se están a realizar tanto no acueduto do paseo das Pontes, parte da Viaxe de Visma, ou no xacemento do convento de San Francisco. Falou ademais o rexedor da loita veciñal por non perder a oportunidade de decidir sobre a fachada litoral cando sexa liberada.