Librarías, bibliotecas e entidades da Coruña énchense esta semana de actividades con motivo do Día das Letras Galegas, que se festexará mañá en toda a comunidade. A data, dedicada este ano á escritora e mestra María Victoria Moreno, contará con concertos, representacións e contacontos para os máis pequenos en distintas partes da cidade, que comezaba a celebración desde este mesmo luns con charlas e encontros literarios.

O groso da programación, porén, empezará hoxe. A xornada caracterizarase pola música en directo, así como polas obras teatrais, como a que levará a escena a compañía de Matrioshka Teatro. A súa peza, Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, porá a María Victoria Moreno no punto de mira cunha obra que repasa a súa faceta de autora e profesora, e que dirixirá Gena Baamonde a partir das 20.30 horas no teatro Colón. Nas librarías Suévia e Azeta, a dramaturxia tamén se fará un oco. O primeiro local ofrecerá un cantacontos para bebés con Pablo Díaz, e o segundo, unha lectura dramatizada cos alumnos do colexio San Francisco Xabier (11.30 horas) e un recital para nenos ás 20.00 horas acompañado polo grupo Bule Bule Band.

Outra banda, Trifolk, será a encargada de poñer música ao festexo na libraría Couceiro (ronda de Outeiro, 32). A súa actuación, que terá lugar ás 20.00 horas, estará seguida ás 22.00 horas por un ciclo de concertos no Campo da Leña, no que participarán O Leo i Arremecághona, The Tetas Van e Terbutalina grazas ao goberno local. Tamén da súa man virá o acto central do Día das Letras Galegas.

A lectura pública, realizada mañá por terceiro ano consecutivo desde o balcón do Pazo de María Pita, reunirá desde as 12.00 horas á cidadanía para escoitar a obra de Moreno, unha actividade que se trasladará ao salón de plenos se así o obrigan as condicións meteorolóxicas.

Ben a cuberto, no Sporting Club Casino, lerase Can branco, can negro. O conto da homenaxeada no festexo o compartirá o grupo de teatro María Casares, como parte dunha xornada multidisciplinar que comezará ás 20.00 horas. Unha función de ballet, un concerto da Coral Polifónica do Casino, e unha charla sobre María Victoria Moreno é o que ten preparado o centro para o propio Día das Letras, no que os máis pequenos disporán dun obradoiro (11.30 horas) en Azeta musicado por Xebre.

Coma este espazo, Suévia tamén repetirá o venres no festexo con outro contacontos (18.00 horas). O acto, que terá aos animais como protagonistas, discorrerá en paralelo ao de A Carapuchiña Feroz, que lerá para os nenos a obra O cataventos. Xa o sábado, as dúas librarías volverán coincidir nas súas actividades, que consistirán nun concerto didáctico en Suévia e nun xogo no local da rúa Fanny Garrido a partir das 12.00 horas.

Os actos de ambos centros son algunhas das máis de 30 iniciativas coas que se implicarán as librarías na celebración deste ano. En total, chegarán a participar -en colaboración co Concello -preto de 20 destes espazos, que se dirixirán maioritariamente á xente miúda. Para ela, ofrecerá o sábado El Faro de los Tres Mundos a lectura de A horta de Simón ás 17.30 horas. Cascanueces acollerá ás 12.00 horas a presentación de Camiños de Magín Blanco, mentres que a libraría Sueños de papel decantarase pola interpretación cunha peza de Trinke Trinke Teatro (12.00 horas). O seu Paxariños dará pé os días 22 e 29 a dous contacontos que alongarán o festexo do Día das Letras Galegas ata finais de maio. A celebración tamén seguirá en A Carapuchiña Feroz, que terá o 25 e 26 obradoiros para os máis pequenos.