As verbas de María Victoria Moreno volven sonar hoxe na cidade con motivo do Día das Letras Galegas. O festexo, dedicado este ano á mestra e escritora polo seu fondo compromiso co galego na súa labor docente e literaria, contará ao longo da xornada con lecturas públicas dalgunhas das súas obras, así como cun amplo programa de actividades dirixido á xente miúda. Contacontos, concertos didácticos e representacións teatrais farán as delicias dos máis pequenos, nunha celebración que se estenderá a espazos como o Sporting Club Casino, as librarías e o Pazo Municipal.

Precisamente en María Pita é onde terá lugar o acto central da xornada. Por terceiro ano consecutivo, realizarase desde o balcón unha lectura colectiva da obra de Moreno (12.00 horas), na que poderá participar de xeito activo a cidadanía. Can branco, can negro, outro dos contos da autora, terá o seu oco tamén no Sporting Club Casino, que ofrecerá desde as 20.00 horas charlas, unha función de ballet, e un concerto da súa Coral Polifónica.

Os nenos e nenas da cidade gozarán dun programa incluso máis amplo. Este ano, as librerías apostarán polo público infantil con todo tipo de actividades, que comezarán ás 11.30 horas en Azeta cun obradoiro con música de Xebre. Tamén manualidades será a proposta da libraría Suévia para realizar mañá o seu festexo, no que ofrecerá ademais contacontos e concertos didácticos ata o sábado.

Ás 18.00 horas do venres, o actor Pedro Brandariz visitará A Carapuchiña Feroz para narrar a historia de O cataventos. Un pouco máis tarde hoxe, ás 20.00 horas, o grupo Elsinor Teatro subirase ao escenario da Sala Gurugú para representar O palco e as lúas, un espectáculo do Premio Nacional de Literatura Dramática Manolo Lourenzo, que falará cos asistentes sobre o mundo das táboas. O sábado, a interpretación seguirá en Sueños de Papel con Trinke Trinke Teatro, e con contacontos, xogos e actuacións musicais en El Faro de los Tres Mundos, A Carapuchiña e a libraría Cascanueces.