Unha viaxe ao interior de Europa, a todos eses recunchos onde van dar as persoas migrantes, as que foxen da súa terra en busca dunha vida mellor, lonxe do medo e da guerra, das violacións dos dereitos humanos e das persecucións, Éxodo conta con imaxes mais tamén con obxectos e palabras da experiencia de moitas destas persoas. É unha exposición comisariada por Patricia Muñiz, que é a directora, e por Cristina e Rocío Botana, con imaxes de Gabriel Tizón. Explica Muñiz, que fan un labor de visibilización, de poñer en primeiro plano a realidade destas persoas e os problemas que teñen a diario.

"Hai unha parte na que mostramos obxectos perdidos recollidos en campos e en campamentos de refuxiados. Hai pasaportes de moitas nacionalidades, fotos familiares nas que podes ver como cambiaron co paso do tempo, un chupete...", explica Muñiz, que recorda que o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, naceu logo da Segunda Guerra Mundial para reubicar a máis dun millón de refuxiados europeos que non tiñan fogar e que naceu cunha vida de tres anos. Case setenta anos despois, este organismo segue funcionando e é "cada vez máis activo", segundo explica Muñiz, que puntualiza que só o 10% das persoas refuxiadas vive en campos preparados para acollelas, que o resto ten que improvisar outras alternativas, como estar con familias de acollida ou na rúa, en campamentos.

Éxodo inaugurouse onte na sala Normal e poderá visitarse até o 26 de xullo. Haberá visitas guiadas e tamén actividades paralelas, como conferencias.