O longo proceso polo que está a pasar o parque ofimático desde a súa concepción hai case tres décadas entra agora, cando tres das catro cooperativas de propietarios están a piques de obter a súas licenzas de ocupación, nunha nova fase administrativa: a urbanización do resto do polígono. O Concello vén de adxudicar o contrato de redacción do proxecto das obras desa urbanización que falta por poñer en marcha na parte residencial do ofimático, xunto aos edificios xa construídos ou aínda sen rematar.

Este novo paso viría en teoría a dar garantías para os seus plans urbanísticos aos promotores do sector agrupados na asociación Ofimático 2010, quen desde finais do ano pasado e pola falta de obras no resto do polígono, poñen en dúbida a legalidade das licenzas de ocupación que o Concello concedería aos cooperativistas dentro de dous meses.

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, remitiu onte senllas misivas aos promotores, ás cooperativas e ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, cos que tivo unha xuntanza o pasado venres, onde lles explica o novo trámite polo que deberá pasar o desenvolvemento do ofimático. Os prazos que se abren agora son imprecisos, mais o proxecto da nova urbanización deberase redactar en tres meses e expoñerse publicamente despois, antes de se licitaren as obras cos debidos informes sectoriais.

"Este proxecto servirá para que todas as parcelas da zona residencial do ofimático poidan acadar a condición de soar. Nesa zona aínda hai terreos nos que se teñen que acometer actuacións relacionadas cos servizos neste ámbito, como as zonas verdes e o mobiliario urbano", asegura Varela.

O voceiro de Ofimático 2010, Juan José Yáñez, prefire analizar a carta na que se dá conta do resto dos traballos para facer unha valoración do proceder do Concello e comprobar se a totalidade da zona onde os promotores teñen intereses vai ser urbanizada.

A Xunta agarda aínda polo permiso urbanístico do Concello para levantar 40 pisos de protección no ofimático e o Goberno local anunciou o ano pasado que faría unha modificación no planeamento urbanístico para excluír do sector as vivendas de San Vicente de Elviña na marxe dereita da avenida Alfonso Molina.