O apoio do grupo municipal socialista ao Goberno local no terreo orzamentario está condicionado a que se poñan en marcha os proxectos que esta formación formulou para as contas municipais dos últimos tres anos. O voceiro do PSOE no Concello, José Manuel García, fixo onte esta advertencia ao denunciar os "reiterados incumprimentos" que ao seu xuízo cometeu Marea Atlántica nos orzamentos de dos anos 2016, 2017 e 2018.

O Goberno local replicou onte que só chegou a acordos cos socialistas este ano e o anterior e que está disposto a resolver as súas dúbidas, aínda que tamén advirte que confía en que esta crítica non sexa a preparación dunha "escusa para evitar o apoio ao reinvestimento do superávit" do ano pasado.

"Ou se aclaran os motivos polos que non se realizaron estas actuacións ou que non conten co voto do PSOE no ámbito orzamentario", declarou José Manuel García, quen atribuiu a orixe desta situación aos "problemas de xestión" de Marea Atlántica. Os socialistas destacan que este ano aínda non se convocaron as bolsas de emprego, dotadas con 500.000 euros, nin se iniciou o proxecto do distrito universitario dos Mallos, ao que no 2016 se lle reservaron 430.000 euros. Tamén salientan que no se creou o bonobús para voluntarios de ONG, para o que houbo 110.000 euros no 2017.

García mencionou proxectos de 2016 que non foron desenvolvidos, como o plan de relevo xeracional no comercio, a Cidade dos Nenos, a biblioteca de Novo Mesoiro, a reforma da mobilidade en San Agustín e o ecobarrio en Elviña. Das propostas de 2017 están sen executar as reformas dos centros municipais García-Sabell, A Barcarola, O Birloque e O Ventorrillo; a escola municipal de rugby e a de deporte adaptado, ademais da remodelación do campo de fútbol da Zapateira.

García recoñeceu que algunhas das propostas socialistas si se materializaron, entre as que mencionou o plan municipal de turismo e as campañas de divulgación para a loita contra a violencia de xénero. Entre as iniciativas do 2016 detallou que hai algunhas aínda están en fase de concurso, como os postos do mercado de Elviña, mentres que a reforma das galerías comercias Durmideiras vén de comezar.

O Goberno local salientou que no 2016 non se negociou un acordo orzamentario co PSOE, que apoiou emendas do PP que considera "irrealizables" por carecer de proxecto e cuantificación. No 2017 o acordo foi para o reinvestimento dos fondos IFS, que se cumpriu totalmente e para os beneficios de Emalcsa, que estima cumprido "no substancial". Sobre o orzamento deste ano, móstrase disposto a manter o pacto, aínda que teme que estes reproches abran o camiño ao rexeitamento a apoiar os investimentos que se farán con superávit de 2017, malia que o PSOE esixe en toda España que se acometan tras o acordo entre os concellos e o Goberno central.