O cantante Romeo Santos subiu onte ao escenario do Coliseum ás 22.40 horas ante 5.000 persoas. Cun micrófono dourado e cunha coroa, gafas de sol e ganas de bailar. Empezou o concerto cunha mestura de varios dos seus éxitos cuxos retrousos foron moi coreados, como o de Eres mía, mía, mía. Entre o público, moitos teléfonos acesos, capturando unha imaxe do Rei da Bachata preguntando de onde viña a xente e pedindo aplausos para República Dominicana e para España. Santos prometía unha noite "de bailar" e regaloulle ao público momentos inesquecibles como o de cantar sen música e cos seus afeccionados, Me pone necio.