A praza de María Pita, a praia de San Amaro, o Sporting Club Casino, salas culturais e algunhas librerías da cidade foron algúns dos lugares que onte lembraron con diversas actividades á mestra e escritora María Victoria Moreno, a homenaxeada polo Día das Letras Galegas. Voces que fixeron soar as verbas da autora e obradoiros, teatro, música e roteiros sobre distintos aspectos da cultura galega e local formaron parte dos programas organizados pola festividade.

A xornada tivo a súa cita institucional no Concello. Desde o balcón do pazo municipal de María Pita deuse unha lectura pública e colectiva, aberta á veciñanza, dunha obra de María Victoria Moreno. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, abriu o acto cun poema do libro Das últimas mareas, da poeta e xornalista Ana Romaní, e edís como José Manuel Sande e Daniel Díaz Grandío leron partes da obra da mestra estremeña comprometida coa lingua galega. Outro dos seus contos, Can branco, can negro, foi lido ás 20.00 horas no Sporting Club Casino, onde houbo tamén unha función de ballet e un concerto da súa Coral Polifónica.

Librerías como Suévia, Berbiriana, A Carapuchiña Feroz e Azeta abriron pola mañá para chamar aos nenos a unha xornada de obradoiros, lectura de contos, manualidades e música a cargo de artistas como Xebre, Pedro Brandariz e Félix Arias na que Moreno foi tamén protagonista. Na Sala Gurugú o grupo Elsinor Teatro representou unha peza de Manolo Lourenzo. O sábado haberá máis xogos, actuacións musicais e actividades relacionadas coas Letras Galegas nas librerías El Faro de los Tres Mundo e Cascanueces.

5

Roteiro con Xurxo Souto pola Torre de Hércules no Día das Letras Galegas

Outro punto de encontro da veciñanza e da cultura foi o entorno da praia de San Amaro, onde pola mañá comezou un roteiro gratuíto conducido por Xurxo Souto no que tiveron cabida historias, mitos e lendas da xente do mar e coa Torre de Hércules como protagonista. Mañá e durante catro sábados haberá encontros no Club do Mar para tecer a literatura con moitas historias do faro romano.