O profesor Xosé Manuel Sánchez Rei vén de publicar con Laiovento o seu libro Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX, unha compilación de cántigas nas que se pode descubrir o pasado da cidade, algúns dos nomes de lugares que quedaron esquecidos e tamén como o franquismo entrou de cheo nesta manifestación de literatura oral que ten, indubidablemente, un selo feminino, porque foron as mulleres quen herdaron as coplas e as gardaron na memoria e na gorxa para que non morresen.

- Que importancia ten a música de tradición oral para a cidade, no libro afonda na toponimia e no xeito de falar que tiña a xente nos séculos XVIII e XIX.

-O pobo galego posúe unha literatura oral extraordinarimante rica e A Coruña e os seus arredores participan, conforme non podía ser doutro modo, dese legado cultural e histórico. Igual que para o resto do país, a poesía e a música de tradición oral significou para a localidade unha importante manifestación artística e cultural, especialmente arraizada nas clases populares e na sociedade rural. Os textos compilados nos séculos XVIII e XIX na contorna da cidade e dentro desta fálannos directamente da relevancia que tivo a música oral tradicional como medio de lecer, mais tamén podemos rastrexar neses cantares cuestións económicas, etnográficas, históricas, lingüísticas e dialectais, sociolóxicas etcétera. De aí que moitas persoas que se dedican á historia, ao estudo da lingua, á socioloxía... acodan con certa frecuencia aos textos tradicionais para obteren datos referidos a outras épocas.

- Podemos coñecer algo máis da cidade, de como era e sobre como foi cambiando, analizando o contido das cantigas?

-Sen ningún xénero de dúbidas. Os cantares tradicionais ofrécennos informacións preciosas sobre os modos de vida doutros tempos e os do meu libro, centrados na cidade da Coruña e na súa contorna máis próxima, non constitúen unha excepción nese sentido: aparecen reflectidos neles comportamentos sociais, modos de se relacionar a xente, oficios, relixiosidade popular etcétera. Hai unha poesía, por exemplo, que fai referencia ao lugar chamado Porta de Arriba. Este topónimo recolle un dos accesos á cidade que había nas antigas murallas situadas aproximadamente entre a actual praza de Pontevedra e as instalacións portuarias.

- Sinala varias etapas temporais que afectan ás cantigas, por que esas diferenciacións?

-Son catro épocas ben diferentes, baseadas na relevancia que se concedeu á literatura tradicional, e aos modos de se transmitir e de ser compilada. A cuarta das etapas, por exemplo, iníciase despois do golpe de estado fascista e subsecuente guerra civil e ten como características fundamentais unha cruenta infravalorización deses textos, a práctica desaparición do mundo rural e unha transformación profunda no modo de xeración e de transmisión dos cantares, pois a radio, a televisión e outros factores cobraron unha importancia social que antes non tiñan: algunhas das cántigas que se compilaron nese período foron aprendidas a través deses medios e non directamente da transmisión xeracional.

- Este patrimonio inmaterial foi transmitido, sobre todo, polas mulleres, non si? Nótase tamén a súa pegada na composición?

-Efectivamente, a maioría das cancións e poesías tradicionais foi compilada a mulleres, e aínda hoxe acontece cando os grupos folclóricos van de recollida [ir a unha vila para gravar persoas maiores cantando e bailando]. Se cadra, dun total de corenta informantes, trinta ou 35 son mulleres. Elas foron as principais xeradoras e transmisoras dese tipo de manifestación literario-cultural e disto xa eran ben conscientes persoas como Sarmiento, Murguía, González Besada ou o maxistrado de orixe andaluza Nicolás Tenorio, que, nos primordios do século XX, cando estaba destinado na rexión de Valdeorras e Viana do Bolo, ficou totalmente sorprendido por como as mulleres desenvolvían todos os seus labores cantando. O que acontece é que foron os homes os que colixiron e editaron eses textos naqueles tempos e resulta difícil rastrexarmos na poesía e canto tradicionais claras evidencias lingüísticas ou temáticas relativas ao feito de teren sido as mulleres as súas compositoras. Hai algúns indicios, claro, mais requirirían unha investigación particularizada que excedía con moito as metas do libro.

- Elixe tamén introducir correccións nos textos, tales como as formas deturpadas, por que non mantelos tal e como se teñen recollido?

-O canto tradicional galego ten de ser en galego, como a literatura galega de autor ou autora individual tamén ten de ser en galego. A meu ver, unha dignificación real da lingua debe implicar un mellor uso en todos os ámbitos (académico, oratoria pública, medios de comunicación etcétera), e igualmente no caso dos cantares tradicionais. As cántigas anónimas representan unha importantísima fonte de información lingüística e, para o caso das formas alteradas pola influencia do español, decidín recuperar as formas lexítimas sempre que se puidese, isto é, cando non afectasen nin a rima nin a medida dos versos (en cuxo caso figuran loxicamente sen seren mudadas). Que gañan a lingua e a literatura oral galegas cando alguén, nun escenario ou nunha actuación, cantar estrofas en que aparecen formas como Dios, salir ou ventana en vez de Deus, saír ou xanela? Se alguén quixer saber cales eran as formas orixinariamente compiladas que se modificaron, dispón nas notas do rodapé da información precisa nese sentido.