"E para as que non son feministas? Tranquila, que xa o serán. As súas fillas vivirán mellor porque estamos nós loitando por elas", di Carmen Armada, coordinadora de Esquerda Unida Coruña. Ela é unha das moitas mulleres que traballou, antes do 8 de marzo, para que houbese, cando menos, unha manifestación feminista na cidade. manifestación feministaA afluencia de xente rebasou todas as expectativas: contaban con "dúas mil ou con cinco mil persoas" e, ao final, saíron ás rúas 33.000. Pasados xa dous meses dese 8 de marzo histórico, algunhas das organizadoras -non todas puideron asistir á cita deste xornal- analizan o efecto que tiveron as mobilizacións na cidade. Realmente, esa foto do centro da cidade ateigado de xente cambiou algo?

Para Armada, o máis importante é que, agora, moitas plataformas e persoas que non pertencen a ningunha entidade pero que son feministas activas, están a "traballar no mesmo espazo", a compartir obxectivos e loitas, e o 8 de marzo foi un símbolo da forza que ten detrás o feminismo na cidade. Non foi casualidade que familias enteiras saísen á rúa a se manifestaren, segundo explica María Antonia Trillo, de Podemos Galicia. "Non foi un movemento espontáneo" porque tiña detrás "unha tradición organizativa moi forte", que vai máis alá deste día e que se nutre cada día.

Agora sábense xuntas e unidas, aínda que non están todas, xa que na Coruña, este 8 de marzo houbo dúas manifestacións: unha, convocada pola Plataforma Feminista Galega, que partiu do Obelisco até a praza da Constitución -aínda que, despois, alongou o seu percorrido para tomar María Pita- e que xuntou a milleiros de persoas, e outra, convocada pola Marcha das Mulleres, que saíu da praza de Pontevedra e que rematou no campo da Leña, con menos afluencia. Así que, para este ano, desde a plataforma póñense como deberes, intentar chegar a acordos para que o vindeiro 8 de marzo a convocatoria sexa unitaria. Non saben se poderán logralo, pero saben que é un punto que ten que estar na páxina de "tarefas a realizar".

María Vázquez, da Plataforma Feminista Galega, explica que todos os colectivos que convocaron a manifestación maioritaria, logo do 8 de marzo, fixeron unha xuntanza para decidir como van continuar na loita, e acordaron facelo "traballando por obxectivos, por motivos concretos".

O seguinte téñeno xa moi claro: o Pacto de Estado contra a Violencia Machista, acadar que non estea baleiro de orzamento, que estea dotado dos 200 millóns de euros adicionais acordados -80 para medidas estatais, cen a repartir entre as comunidades autónomas e outros vinte para os concellos- para que todas as administracións poidan desenvolvelo e para que cumpra os obxectivos para os que foi creado e non sexa un papel máis.

Saben que a forza do movemento feminista asusta aos poderes porque ameaza con derrubalos desmontando os seus alicerces, así que Yaiza Martínez, da Xuventude Comunista, advirte de que xa hai partidos que adaptaron a súa mensaxe logo do 8 de marzo "porque teñen medo" da forza das mulleres.

Aseguran que só poderán manexar o movemento se non o negan e se suman a el; por iso, na lectura destas nove activistas, esa é a razón pola que as reivindicacións feministas empezaron a atopar o seu oco nos discursos de partidos políticos que incluso denostaban a súa loita. Arredor dunha mesa falan da "necesidade" das mulleres de seren "escoitadas", como di María Dolores Carreira, do Movemento Feminista A Coruña, da necesidade de tomaren o espazo que lles pertence e de non daren pasos atrás.

Eva García, da Marea Atlántica, ten claro que "aínda non cambiou nada", que tanto a xudicatura como a sanidade e o ensino seguen igual que hai dous meses e pon enriba da mesa que o feminismo non é unha ideoloxía, que é "unha teoría crítica, un movemento que é transversal" e que afecta a todos os eidos da vida. Son importantes os termos para estas nove mulleres e para todas aquelas que non están, pero que se senten representadas, porque saben que a súa mensaxe pode ser manipulada e arroxada contra elas dependendo das mans que a traten. "Agora somos trending topic, para ben e para mal", define Jana Eiroa, do partido Comunista Galicia, que pon a énfase en que o movemento feminista "non é unha moda", é moito máis.

"Isto é política, todo o é nesta vida. Temos un Estado e un Goberno que está intentando desarmar un movemento co que nunca vai poder e estamos demostrando que estamos máis fortes ca nunca e temos moitos aliados que nos están a axudar. Eles o que teñen é medo, por iso intentan desmobilizarnos", resume Armada.

E agora, agora que? Para Trillo é importante traballar na rúa, mais tamén desde as institucións, da man dos partidos políticos porque son os orzamentos e as leis quen poden cambiar as cousas. Teñen claro que a loita continúa e que non tería sentido sentar e agardar a que chegase o vindeiro 8 de marzo e esperar que todo saia ben por arte de maxia.

"Traballamos todos os días, estamos activas nas redes e tratamos de facer moitas accións, unhas sáennos mellor e outras peor, pero estamos a artellar un discurso e unha iniciativa na xente para que se adscriba ao feminismo", puntualiza Yaiza Martínez, e unha das ideas que teñen xa na mente, segundo explica Jana Eiroa é a de impulsar unha "folga de consumo", porque se as mulleres non gastasen un día, si que se notaría.

"É unha cousa positiva se mire por onde se mire. Non fai falta ningún tipo de valentía para facela, ninguén ten que dicir no traballo que, ao día seguinte non vai por medo a que a boten. Teriamos unha oportunidade importante para obter cifras. Creo que o ano que vén perderiamos unha moi boa oportunidade se non fixésemos esta folga. Son xestos que marcan e que asustan", di Eiroa que, como as súas compañeiras, cre que o lazo violeta cómpre levalo todo o ano e non só o 8 de marzo ou o mes de novembro. Para Miriam Couceiro, do Observatorio da Igualdade, unha das cousas máis importantes que deixou este 8 de marzo foi a "reactivación" de moitas mulleres e que houbo outras moitas que "aprenderon cousas que non sabían porque non llas deixaran saber". Así que, consideran que esas forzas conquistadas cómpre coidalas e non perdelas nunca. "Agora é o momento de implicalos a eles, aínda que non queiran, porque hai homes en posicións de poder que seguen a ser reticentes", avanza.

"Loitar e resistir. É o que queda. Eles cren que queremos facer con eles o que fixeron toda a vida connosco e non é así. Entendemos que a súa ofensiva vai ir a máis porque teñen medo, pero non son máis que os derradeiros estertores", sentenza Armada.

María Jesús Guardado Cani, do PSOE, fala con perspectiva histórica, e de que non foron "feministas extremistas" só as que encheron as rúas da cidade, tal e como "moitos queren facer crer" e fala tamén de todas esas mulleres que "antes non dicían non" e que agora aprenderon a facelo e que xa non queren calar máis.

Ir paso a paso, sen perder nunca ningún dos dereitos acadados, así é como ven estas mulleres -e as súas compañeiras, xa que había máis entidades na organización, entre elas, Acción Universitaria, CCOO, UGT, Asociación Alma Lactancia, STEG, a casa museo Emilia Pardo Bazán e Científicas da UDC- a loita a partir de agora, como unha carreira con obstáculos e con adversarios que saen con vantaxe e aos que hai que intentar gañar a diario.

"Cómpre atacar a división sexual do traballo, que é unha das ferramentas fundamentais do patriarcado que sustenta o sistema capitalista no que vivimos, e diferenciar entre traballo reprodutivo e non reprodutivo porque é a maior eiva que nos arrastra as mulleres a estarmos nun segundo plano. Traballamos dúas horas máis ao día ca os homes tanto dentro como fóra da casa", explica Yaiza Martínez, que pon o foco en que o vindeiro 8 de marzo a folga sexa tamén "de coidados" porque aí si que se notaría toda esa economía somerxida que sosteñen as mulleres con todo o traballo que fan gratis.

E falan das traballadoras que non están aseguradas, das que non puideron cotizar porque quedaron na casa, falan das que non estudaron e das que a reforma laboral levou por diante e das que, sen sabelo, estaban a "alimentar o sistema capitalista" e patriarcal.

Para Armada, hai que ir "máis alá dos compañeiros" de compartir as tarefas do fogar e os coidados. "Para o capitalismo o que importa é o PIB, sen que as mulleres quedasen na casa non tería habido a produción que había, así que, o sistema está en débeda connosco e cómpre rachar con el", recalca. "É que non gañariamos nada se o traballo que facemos nós gratis o fixesen os homes", contesta Eiroa.

A visibilización dos problemas aos que se enfrontan a diario as mulleres, como a violencia machista ou o caso de La Manada e a súa sentenza de condena só por abusos, consideran estas activistas, que axudan a que moitas persoas abran os ollos á realidade e que lles faga poñerse ao seu carón. "Logo desta sentenza, que lles dicimos ás nosas fillas se se atopan nunha situación así, que se defendan, aínda que as vaian matar ou que non fagan nada porque así pode que vivan pero que os seus agresores van ser condenados por abusos?", pregúntase Dolores Carreira, que está segura de que esta sentenza "indignou" a moita xente, a tanta como as declaracións dun profesor da Universidade de Santiago que di que os acusados tiñan que ser absoltos e contra o que non hai nada que facer para que non siga a dar clase.

"Ves? é que no feminismo nunca se pode parar porque, se paras, eles dan un paso adiante. Saes á rúa, escóitate todo o mundo, despois, sae esta sentenza e queren facer un comité de expertos e resulta que son todo homes, entón xa hai que saír a protestar outra vez porque, se non, cómenche o camiño", debuxa Martínez.

Eva García coida que hai "unha ofensiva patriarcal terrible en todo o mundo" e que iso responde a unha "acción-reacción" para combater ao feminismo e os seus avances. "Temos que ser conscientes de que as agresións machistas están a se incrementar en todas as sociedades e están adquirindo formas descoñecidas até o de agora", di.

Teñen claro que, nesta loita, non sobra ninguén, aínda que explican que é un erro pensar que, por ser muller, xa se é feminista e que o inimigo é só o home, porque non é así.

"Eu creo que, por desgraza, é a obra perfecta do patriarcado, conseguir que unha muller considere que non é preciso defenderse", expón Couceiro, que cre que o único que se pode facer para eliminar esta idea é apostar pola "educación". Cómpre ter máis educación para poder identificar o machismo máis alá da violencia contra a parella ou a violación, que son os seus extremos. E poñen infinidade de exemplos cotiás nos que a desigualdade está presente e o patriarcado asolágao todo, desde a mensaxe dalgunhas cancións até o día a día no eido laboral. Guardado destaca, por anecdótico e representativo, o Día das Letras Galegas que dos seus 55 anos de vida só foi concedido catro veces a unha muller. "E non é por falta de autoras...", conclúen.

Contra iso, teñen claro que o único que pode funcionar é a loita feminista, o cambio desde abaixo, como as formiguiñas que van erosionando o chan para que, un día, todo caia. "Hai mulleres que aínda non saben que precisan o feminismo na súa vida", di Yaiza Martínez, e non o di con retranca nin ironía, dío porque sabe que, nalgún momento, se verán beneficiadas pola loita das demais e verán o cambio. Quizais a conquista do voto lles quede lonxe e pensen que é un dereito co que naceron e que non ten detrás sangue, cárcere e descrédito, mais, estas mulleres saben que conseguirán que algo mude e que, todas esas mulleres que non lle dan valor ao seu esforzo, acabarán por concederllo.

E o ano que vén? O ano que vén téñeno claro: folga de 24 horas, tamén de coidados e folga de consumo, para darlle ao sistema onde máis lle doe, no diñeiro.