GEMMA MALVIDO.A CORUÑA
Detrás do nome artístico de Sevigny escóndese Lucía Rolle,
unha cantautora coruñesa, "das lindes de Monte Alto". O vindeiro sábado, 2 de febreiro, volve aos escenarios nos que comezou a tocar para despedir a xira galega do seu primeiro disco, Melalcoholic.
A medianoite, o Playa Club converterase nun lugar case teatral no que se darán cita amigos que farán a súa achega coas súas verbas, voces e instrumentos.
-Como será este concerto sorpresa do Playa?
-É o peche do disco en Galicia así que haberá colaboracións, imos preparar unha escenografía especial e, como coincide co entroido, pois ao mellor tamén vai alguén disfrazado.
-Contará coa presenza de Yolanda Castaño.
-Fará unha colaboración antes de que empecemos a tocar, pero é unha sorpresa.
-Por que unha despedida tan espectacular?
-Na Coruña xa fixera concertos pequenos antes de gravar e despois, con Melalcoholic, adiqueime a percorrer terras afastadas, así que, como era viable porque as colaboracións son de amigos, decidimos facelo ao grande.
-Revelará novas cancións?
-Si, estamos preparando o segundo disco e nesta actuación aparecerán as pistas de por onde se pode tirar. Polo de agora xa temos quince temas.
-Que é Melalcoholic agora?
-É diferente á visión do principio. O disco evolucionou cos directos e trasfórmase coas persoas que estamos no escenario. Agora ten a súa intencionalidade propia.
-Unha mestura entre alcol e melancolía...
-Coincide cunha etapa vital, melancólica, moi doada para a composición e a reflexión. Destas etapas que temos todos, que non son negativas, pero que te deixan un pouco varado e que, como che dan cousas boas, parece que non queres saír delas.
-E sairá no vindeiro disco?
-Non quixera perder a esencia elegante e de proximidade que tivo Melalcoholic, pero aínda estamos a estudar cara a onde tirar.
-Seguirá sendo todo o repertorio en inglés?
-Probablemente haberá un par de temas en castelán.