O filólogo nipón Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, presentou onte en Santiago a publicación, de man da editorial DTP Publishing, dunha edición bilingüe, en galego e xaponés, da obra iniciática do Rexurdimento galego, os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

A obra, que conta coa axuda económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística, inclúe o poemario da autora galega en ambos os dous idiomas así como un CD cunha selección de poemas de Rosalía de Castro interpretados pola pianista Rika Nishikawa e a soprano Miho Hago.

Segundo explicou na rolda de prensa o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, esta nova tradución dunha obra galega enmárcase no "esforzo por dar a coñecer" a lingua e a cultura galegas fóra das fronteiras da comunidade. "Todas as linguas deben darse a coñecer fóra do seu territorio xa que deben ser coñecidas para ser recoñecidas", sentenciou. Ademais, considerou que as obras cumios da literatura galega "deberían estar traducidas aos principais idiomas" no mundo e apuntou, en relación ao próximo cambio de Goberno, que "a defensa da lingua non pode ser labor exclusivo dun ou outro partido".

Manuel González resaltou ademais o "compromiso coa lingua e a cultura galegas" adquirido por Takekazu Asaka, exemplificado na publicación por parte deste autor dunha guía de conversa xaponés-galego e un vocabulario galego-xaponés así como por ser o autor da primeira gramática galega en xaponés. Ademais, González indicou que con esta obra "non só se transmite a tradución dunha obra literaria", senón "a existencia da propia lingua, a idea dunha literatura de calidade e os contidos de etnografía, costumes e historia" de Galicia. A obra, que ten 300 páxinas, foi publicada pola editorial DTP Publishing hai unhas dúas semanas e atópase xa a disposición do público nipón, que dispón dunha tiraxe inicial de medio millón de exemplares para os que Política Lingüística achegou 3.000 euros.

Takekazu Asaka é un lingüista nacido en Tokyo que imparte docencia na área de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku na capital nipona. Asaka, ao que todos os presentes sinalaron como "o embaixador da cultura galega en Xapón", escribiu numerosos artigos sobra a lingua galega.