SELINA OTERO | A CORUÑA
Levan dous meses de xira por toda Galicia arrastrando con eles unha procesión de coches e gruppies tipo romería que acaba rompendo toda previsión do aforo calculado polas comisións de festas. Son, sen dúbida, o fenómeno do verán, con máis de sesenta actuacións concentradas en oito fins de semana en vilas da Coruña, Pontevedra e Lugo, principalmente; cun caché e unha ovación que en nada envexa á París de Noia, á Olympus, a Carlos Baute ou a Coti. A revolución de Mucha e Nucha viuse multiplicada polo efecto Luar (coas súas actuacións de cada venres na TVG), non obstante, estes personaxes xa teñen sete anos de vida, por escenarios de festas, teatros, pubs e locais sociais. O segredo do éxito: a retranca, o dicir sen querer dicir, o rexoubeo. En definitiva, o traslado desde a cociña ou o sobrado ata os escenarios e as pantallas de conversacións con moita sorna: diálogos dun imaxinario galego máis que real. Elas son Mucha e Nucha e atraen a públicos de todas as idades. Os seus chistes, a través da mirada do rural, fan rir a "aldeáns" e "urbanitas". Sen distinción de clases, sen reparo e sen complexos.
-Criadas na mesma casa, na casa da Conexa, unha foi á escola e outra non. Por que Nucha sempre corrixe a Mucha?
-Mucha (José Touriñán): É que ela estudou ata sexto, porque valía pa estudar. Eu coñezo moitas palabras pero non sei moi ben onde poñelas. Confúndome. ¿Entendes?
-Nucha (Marcos Pereiro): Ela sempre quixo estar cas vacas e na familia sempre o respetamos. Dáselle moi ben a agricultura.
-Dáselle mellor que o inglés.
-M: É que me trabo. Aos estranxeiros haille que falar berrando, coma se foran xordos, porque así entenden mellor.
-N: Eu aprendín inglés nun curso CCC. En tres meses listo, cun walkman e deféndome ben. Sen problema.
-Mucha, por que acaba dicindo o que non quere dicir?
-M: Porque as palabras sáenme do estómago e véñenme á boca antes de pasar pola cabeza. Miña irmá sempre me di que teño que ir ao xinecólogo ou ao oculista. Xa non me acordo.
-N: Pobriña. Eu trato de protexela pero sempre me fai pasar vergoña. Un desastre.
-Non teñen máis roupa que esa? Sempre levan a mesma!
-M: Porque é a roupa de traballar e ata que non se gaste non se pode comprar outra. Os venres botámola para lavar.
-N: Esta é a roupa de faena, a de gala é para vodas e festas.
-Van algo á perruquería ou teñen unha interminable trenza debaixo das pañoletas?
-M: Eu vou á perruquería cando teño unha voda ou un bautizo e fago un recollido. Hai pouco fixen a permanente, pero non me convence moito.
-N: Eu tamén fago recollidos. Encántanme.
-Cales son os seus actores preferidos?
-M: Chuck Norris, Alfredo Landa, Paco Martínez Soria e Mackaulay Culkin, o de Solo en casa. É noviño pero gústame igual, é moi simpático.
-N: Bruce Lee, Leonardo DiCaprio e toda a saga de Superman. Bueno, tamén teño un póster na habitación do Duque e gústame Martiño Rivas, anque sexa moi novo para unha muller coma min.
-Onde mercan, na feira ou nos grandes almacéns?
-M: Depende. En todos os lados. No feirón e máis no Corte Inglés. Tamén en Inditex, que teñen unhas zapatillas retro agora de cadros que nos van moi ben. Tamén teño un traxe do ano 92 para as bodas, precioso, de gala. Somos consumistas.
-N: Si, gústanos moito gastar. Eu, a roupa interior na feira, claro. As semillas nas tendas de agricultura e a tecnoloxía nos grandes almacéns.
-Danlle algo á mamá Conexa?
-Ambas: Algo pero pouco, que nós queremos ir á discoteca e gastar en roupa e ela é das que esconde os cartos na viga. Non entende a nosa vida nin o éxito. Emociónase, chora moito e molla as zapatillas.
-Que len?
-M: Eu miro as fotos namais, que non vexo ben e as letras fanme mal nos ollos.
-N: O semanal dos domingos, a Hola, a Cuore. Gustaríame ser coma a Obregón ou a Pantoja.
-A onde lles gustaría ir de vacacións?
-M: Ás Cíes ou a un safari a África, de caza.
-N: Ao Courel ou a Xapón, que alí pega ben o noso look.
-Cal é a súa palabra preferida en galego?
-M: foguete.
-N: bolboreta e uralita.
-A que concurso da tele irían?
-M: Eu á illa esa dos famosos, comer bichos, pescar e facer lume e esas cousas.
-N: Eu prefiro Guaypout.
-Vivirían na cidade?
-M: Non, non. Coma Ardebullo non hai nada. Na cidade a xente non se preocupa unha da outra, non lle sabe a vida. Nós temos todo controlado e con internet non nos falta nada.
-N: Non. Nunca entendín o de vivir uns encima dos outros.
Mucha e Nucha crearon todo un universo imaxinario que conseguiron trasladar ao público a través dos seus monólogos cheos de humor e de guiños aos seus seguidores. Trátase dun mundo irreal; unha inexistencia que moitos galegos e galegas non aceptan e tratan de ubicar, sen éxito, no mapa de Galicia. "Xa sei onde queda Ardebullo, está en Lugo, na Terra Cha", comentan os fans das cantareiras. Segundo José Touriñán (Mucha), "hai xente que no lo di en serio, como cando nos piden: 'fírmame un autógrafo para o meu neno de cinco meses, que vos ve todos os venres'... '¿Será para vostede señora?". "Sempre é un amigo dun amigo, non sei por que", engade Mucha.
Son as fillas máis famosas da Conexa, alcume que recibe a súa nai (a explicación é mellor evitala). Como contan na súa web ardebullo.com, a mamá, a madriña, Pepucha, Gelucha, Carmucha, Mucha e Nucha son unha familia de mulleres moi peculiar. Carmucha tamén é cantareira pero sempre falta ás actuacións: "Un día quixo vir con tan mala sorte que quedou atrancada na porta". Na súa ficticia aldea, que todo o mundo se empeña en facer real coma unha especie de complexo relacionado coa esencia dos Reis Magos ou do Ratiño Pérez, só está a súa casa (a da Conexa), a igrexa do Padre Nicanor, moi presente en todos os seus monólogos, unha tenda e a Taberna de Pepe, onde as conexas paran e toman o seu "Sol y Sombra" diario para manterse en boa forma. "O Padre Nicanor quérelle moito a mamá. É que papá morreu dous anos antes de que nacera a irmá máis vella e o Padre Nicanor sempre estivo aí, axudándonos en todo. Anque, se che son sincera, eu son máis do Padre Casares...", conta Mucha cun sonriso picarón. En Ardebullo (unha palabra inventada que derivou de Berdillo, un lugar real do Concello de Carballo de Bergantiños-A Coruña) teñen internet. "Non temos inda moita capacidade, vai vindo amodo pero polo menos chega. Eu vexo todo en internet, os vídeos todos colgados, está todo alí, é un mundo", engade Mucha. Lembra cando foron de excursión a Madrid: "Encantoume o zoo e o Retiro, pero é unha pena todo o terreno que teñen para traballar e non plantan nada".