ÓSCAR LOSADA | A CORUÑA
Os directores David e Álex Pastor acaban de filmar a súa primeira longametraxe, Infectados, un filme sobre un virus mortal que se estreará nos cines o vindeiro mes de outubro e que ten como protagonista a Chris Pine, coñecido por ser o personaxe principal na última entrega da saga Star Trek.
Estes cataláns deberon rodar o seu filme en Estados Unidos, país onde gañaran un premio en 2006 no Festival de Sundance coa súa curtametraxe La ruta natural, logo de non atopar financiamento en territorio español despois de tentalo en bastantes produtoras. Para o que agora atoparon cartos en España foi para realizar unha adaptación na gran pantalla do cómic Trazo de Xiz, unha das obras máis salientables de Miguelanxo Prado. "Levabamos moito tempo detrás dos dereitos da obra, que nun primeiro momento tiveron os de Miramax, e finalmente se puxeron a tiro e os conseguimos, contando en todo momento co beneplácito de Miguelanxo", manifestan os cineastas, que van contestando case sempre ás preguntas de xeito alternativo e engadindo matices e detalles ás contestacións do outro, o que deixa clara a súa compenetración.
O dúo de realizadores xa fixo os primeiros contactos co autor coruñés para conversar ao redor do guión que pretenden realizar. "Amosouse moi tranquilo e manifestounos que fixeramos a película que teñamos na cabeza, sempre tendo en conta, claro, o de respectar o orixinal, e nós pretendemos manter unha fidelidade á obra e respectala todo o posible, mais tendo en conta que é necesaria unha adaptación para levala ao cine, algo que acontece cando se levan á pantalla obras xa coñecidas, sexa da literatura ou da banda deseñada. Se deixáramos todo tal como está daría para uns corenta e cinco minutos de metraxe e debemos facer un traballo de hora e media. Só iso xa implicará propoñer algunh que outra modificación ao orixinal no que nos baseamos".
Os irmáns manifestan unha gran admiración pola obra de Prado e din coñecer todos os seus traballos e Álex ata indica que estivo tres horas de pé esperando unha sinatura do autor nun dos seus libros no decurso dunha edición do Salón de Cómic de Barcelona. "Somos seareiros del dende sempre e por iso pensamos nunha das súas obras para embarcarnos na realización dunha nova longametraxe".
E xorde a pregunta de por que toman a decisión de que sexa esa obra en concreto a que mereza a adaptación e aí manifestan que é algo que vén xa dende lonxe, "quizais dende a nosa adolescencia é este un deses libros que fican na nosa memoria. Realmente foi un momento no que vimos que o cómic podía ser unha obra de arte, tal como consideramos a unha novela e, nese aspecto, constituíu unha verdadeira revelación. En Trazo de Xiz atopamos, fundamentalmente, unha historia de amor e iso sempre dá xogo á hora de montar unha trama que resulte moi interesante para os espectadores" .
Dadas as manifestacións dos irmáns Pastor semella que o herculino pode estar tranquilo á hora de ver como se respecta o espírito do seu traballo na translación á gran pantalla, e contando con esa admiración profesada seguro que xa ollaron De Profundis, esa aventura mariña e tan persoal do creador que significou o seu debut no cine, e máis concretamente no campo da animación. "Esa longametraxe témola en DVD e resulta unha marabilla. Miguelanxo realiza todo dun xeito moi persoal, ten o seu lapis, os seus debuxos, o seu ordenador, e xa monta todo dende as súas mans ata a súa cabeza. Mentres, nós debemos lidiar con centos de persoas nunha rodaxe e todo o que iso conleva, con moitas preguntas e un nivel de tensión diferente. Desde logo que son xeitos de traballar moi diferentes".
Trazo de Xiz non vai ser unha cinta de animación, senón que contará con actores, pero aínda falta tempo para que os directores pensen nos protagonistas e organicen un casting, posto que o filme aínda comezará a rodaxe o ano que vén. O que si cren é que nalgún momento deberán recurrir ás técnicas dixitais para solventar certas situacións que se dan na obra, "e veremos o que acontece con esa illa na que se desenvolven todos os acontecementos. Teremos que preguntarlle a Miguelanxo se existe algún lugar semellante en Galicia que lle servira de inspiración e de ser así, e podemos axustalo ás nosas necesidades á hora de filmar, non desbotamos poder ir rodar, total ou parcialmente, pola vosa terra".
E esta película amosará a uns directores nun campo de acción estilístico totalmente diferente porque Infectados ten unha estrutura de road movie na que catro persoas en situación extrema deben fuxir dun virus letal e a relación que se dá entre eles nesta situación provoca comportamentos egoístas e situacións complicadas. Seguramente esa relación entre os personaxes debe servirlles á hora de afrontar o argumento de Trazo de Xiz, unha historia máis pausada pasada pola óptica de Miguelanxo Prado.