Ramon Pinheiro, coñecido como Chito, foi primeiramente coñecido polo seu labor enriba dos escenarios, sendo músico en Chouteira, onde tocaba a gaita, e percusionista en Ecléctica Ensemble. Este vigués é licenciado en Historia e ten un posgrado en Xestión de Empresas da Industria da Música.

Exerce como docente de Historia da música galega en A Central Folque, radicada en Compostela, e foi cabeza visible no traballo efectuado pola editorial discográfica Ouvirmos na recuperación de gravacións históricas antigas que inclúen na súa colección A tiracolo. Investigador interesado nas ramificacións da música tradicional galega agora realiza un percorrido nesas longas relacións existentes entre o noso país e Cuba.