AGENCIAS
A Fundación Caixa Galicia presentou hoxe unha exposición de máis de 400 fotografías de Ruth M. Anderson que mostran a Galicia dos anos 20, a través dunha "viaxe chea de variedade".
Así o apuntou en rolda de prensa a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, quen acompañada do comisario da exposición Miguel Anxo Seixas, referiuse á mostra como un proxecto "ambicioso" que recupera a historia máis "próxima" de Galicia.
"E moito máis que unha exposición", subliñou Seixas, quen comentou que o traballo realizado pola artista norteamericana é un "estudio analítico e metódico" da Galicia dos anos 20.
Neste sentido, Teresa Porto foi máis alá ao indicar que, na súa opinión, a variedade fotográfica da mostra convértena nun "traballo etnográfico e sociolóxico" que, ao seu entender, permite o "estudio" da sociedade daquela época.
Produto da colaboración entre a Fundación Caixa Galicia e Hispanic Society of America, a exposición organízase en cinco apartados que van dende fotografías sobre o campo, os traballos e os oficios, pasando polo gando e as feiras e mercados, e sen esquecer a relixión.
"En todos eles Anderson mostra o seu respecto e admiración cara a Galicia", comentou Seixas, quen concluíu dicindo que a artista mostra a "dignidade" dos galegos.