O. L. | A CORUÑA
O número deste mes da revista catalana World Music adica unha reportaxe á gala de entrega dos PREMIOS OPINIÓN que tivo lugar o pasado 9 de outubro no teatro Colón Caixa Galicia, e no que se realizou unha sentida homenaxe ao grupo Milladoiro tendo a oito artistas en escena que fixeron cadanseu unha versión dunha peza da mítica banda.
O texto vén asinado por Miriam González e nel reflicte a importancia do histórico conxunto, de quen di que "bautizou o folk na Península e exportou o seu traballo por todo o mundo". Salienta a autora do texto que a formación é "respectada e louvada con nobleza por todos. Non se trata só dunha cuestión de coñecemento, senón de recoñecemento. A finais dos setenta comezan a reinterpretar e a renovar a biografía musical do recanto noroeste peninsular. É un privilexio desafiar o patrimonio dese xeito, con educación e con gusto".
Tamén escribe sobre o primeiro premio outorgado ao trío Lizgairo, que pechou esa noite especial cun concerto de corenta minutos, e salienta unhas declaracións de Anxo Pintos nas que indica que non esperaban recibir o premio "porque críamos que os designios da crítica ollarían para outras propostas musicais e resultou un honor recibir esa distinción". González cre que "o xeito de compoñer de Romaní e Pintos dista, pero neste proxecto se respectan á hora de tratar as ideas. O produto logrado ten un resultado bonito e coidado".
Hai unha mención especial na reportaxe de World Music para o PREMIO ANDAINA SENLLEIRA acadado por Antón Corral, do que lembran a súa traxectoria no eido da música.
O xornalista catalán Albert Reguant pasa a formar parte do xurado destes galardóns para a novena edición e manifesta na reportaxe sentir "sana envexa do acto organizado nestes premios. Resultou sinxelo, con moita calidade e ben organizado". É todo un cumprido vindo dun profesional que ao longo destes anos asistiu a unha morea de festivais polo mundo adiante.
A homenaxe a Milladoiro quedará marcada na vida dos galardóns como unha xornada especial.