AXENCIAS | SANTIAGO
O Consello da Cultura Galega inaugurou onte as xornadas de análise da obra de Ramón Piñeiro, o pensador de Láncara (1915-1990) que uniu arredor do seu gabinete compostelán varias xeracións de galeguistas, e ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas deste ano.
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, que inaugurou o debate, sinalou en declaracións a Efe que "a historia cultural de Galicia non sería a mesma sen Ramón Piñeiro". "El interpretaba todo desde o punto de vista de Galicia, incluso da Galicia exterior, e isto é para min un pensamento radical, de fondo", afirmou o presidente da RAG, que engadiu que, aínda que a obra escrita de Piñeiro é "discutíbel", máis alá dela "está ese pensamento radical que facía de Galicia o centro do mundo para el".
O congreso prolongarase até o próximo venres e nel intervirán pensadores como Andrés Torres Queiruga, Xesús Alonso Montero, Ramón Villares ou Víctor Freixanes.