RAFA QUÍLEZ | BARCELONA
L.A. é o novo proxecto de Lluís Albert Segura, antigo batería e agora á fronte dunha banda amante da americana que onte iniciou en Murcia unha xira por España, incluído Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, para presentar o seu cuarto disco en solitario, Heavenly hell, o primeiro editado por unha multinacional.
Segura, de 31 anos, iniciouse na música en 1994 como batería de The Green Cherries, pasou logo a Glycerine, con quen editou dous discos, estivo despois en Los Valendas e en The Nash, e no 2004 iniciou o seu proxecto particular, L.A., co que publicou tres discos autoeditados -Grey coloured melodies, Bellflower Blvd. e Welcome Halloween-. Hai dous anos púxose a traballar en Heavenly hell (Universal), un disco de americana, de influencias de Counting Crows, Tom Petty, Matthew Sweet ou Weezer, pero tamén de Interpol, gravado en Mallorca con Toni Noguera a un ritmo relaxado, e que deu como froito cancións como Hands, Perfect combination, Elizabeth, Evening love ou The sweetest goodbye.
Coas colaboracións do ex Sexy Sadie Carlos Pilán, ou do baixista de Fossin Sound, Juan Miguel Seguí, e a mestura de Nick Didia, L.A. sae á estrada defender unhas cancións propias tras erguerse da batería e coller o micrófono, como Phil Collins, porque tiña "a inquietude" de cantar as súas composicións. Así, L.A. dixo que, tras levar anos compoñendo, se pasou á guitarra e decidiu cantar as súas pezas en público, e que despois de tres anos tocando en acústico e facendo "o que quería, e tiña máis éxito que se imitaba alguén", fichou por unha multinacional e conta co apoio dunha potente axencia de contratación, Spanish Bombs.
Minucioso -un día antes de gravar o máster, retocou incluso un xilófono-, L.A. agradece a implicación de Noguera, "un produtor e un músico máis", na gravación, e explica que abandonou moitas cancións coas que partía por seren "demasiado densas" e porque co tempo "saíanlle outras máis alegres e luminosas", que son as que ao final incluíu.
A xira traera a L. A. a A Coruña o día 11 de decembro, un día despois de pasar por Santiago e un día antes de recalar en Vigo.