MAR MATO | A CORUÑA
Coa televisión, o antropólogo ourensán Manuel Mandianes descubriu "unha nova maneira de ver o mundo, de facer comunicación", ao tempo que se convertiu nunha das figuras máis mediáticas de Galicia como antropólogo de Luar. Investigador do CSIC en Cataluña e escritor, Mandianes vive neste comezo de ano aínda a resaca de ser o segundo finalista do Premio Internacional Constantino Nigra de Turín pola súa obra en galego Raposiño e o cego, editado por Limaia Produccións. A viaxe dun neno desde Barcelona a Galicia a coñecer os avós e as tradicións do país foi valorado polo xurado, catedráticos de universidades italianas que viron na prosa de Mandianes unha nova forma de fabular a realidade.
-Segue aínda de resaca polo premio?
-E é unha resaca gozosa. Con motivo de quedar de segundo, chamoume moita xente e moitos medios para felicitarme. Trátase dunha resaca fácil de levar. A editorial xa me dixera que enviara o libro ao certame pero cando recibín a noticia de que quedara finalista xa esquecera por completo que o remitiran. Foi unha enorme e gratísima sorpresa.
-Como autor, que cre que o xurado valorou da obra?
-Consta nas actas que o xurado destacou o seu interese etnográfico por recuperar a alma dunha rexión europea que, fronte á globalización, mostra unha forma particular de ser, ademais de destacar a beleza literaria con que está expresada este cacho de alma europea. O Raposiño está baseado na historia dun pobo que é Loureses, neste caso, pero que representa a historia de Galicia. O eixo son catro personaxes: o Raposiño, o cego, o avó e a avoa. Raposiño é a única posibilidade de continuación da tradición galega; o cego é Galicia; o avó é a tradición e a avoa é a alma, a esencia mesma da Galicia, tenrura, amor, cariño, a mesma morriña e nostalxia do que pasou e que ten a ameaza colgada dun fío de perderse.
-A medida que o avó comeza a coñecer o seu neto, Raposiño, este descobre tradicións galegas, moitas delas esquecidas.
-Si. Son tradicións que foron esquecidas porque estaban na memoria das persoas vellas. Moitos rapaces nunca oíron falar delas en grande medida porque o papel dos avós cambiou moito nos últimos 40 anos. Perderon a importancia na educación dos rapaces, nese eido Raposiño ten a laboura de recuperar o rol dos avós na educación dos mozos.
-Explique isto último con detalle.
-Houbo unha época no tempo moderno, debido ós movementos migratorios, nos que moitos mozos creceron sen a imaxe do seu avó porque os pais marcharon solteiros e casaron lonxe, moitos deles disfrutaron da personalidade dos avós cando voltaban de vacacións. Perderon a tradición oral, que configura a personalidade desde o punto de vista moral, ético e relixioso.
-Se se seguen a perder as tradicións, deixaremos de ser galegos?
-A globalización está a tirar e a resucitar moitas identidades locais de tal maneira que o renacemento do rexionalismo e nacionalismos débese á globalización porque mete medo á xente de perder a personalidade, de perderse no mundo.