O. L. | A CORUÑA
A obra Rua da saudade nace coa intención de render homenaxe ao poeta lisboeta Ary dos Santos. As súas letras son interpretadas por catro artistas moi diversas, o que dota ao conxunto da obra dun ton moi ecléctico ao transitar entre diferentes estilos.
A cantante máis coñecida por nós das que participa no proxecto é a fadista Mafalda Arnauth, quen colaborou con Milladoiro no último disco da formación.
Logo achamos a Susana Felix, quen editou catro discos como solista e fogueouse musicalmente exercendo como cantante en diversos espectáculos musicais no teatro. Pola súa banda, a brasileira Luanda Cozetti editou algún disco en solitario, pero é coñecida por formar parte da banda Couple Coffee. Ao seu pai, Alípio de Freitas, adicoulle un tema Jose Afonso. Por último, a franco- portuguesa Viviane foi cantante de diversos grupos e agora tamén actúa como solista.