NOELIA DÍAZ | A CORUÑA
O poeta e tradutor Xoán Abeleira publica a semana que vén El azor en el páramo, unha escolma poética sobre o autor inglés Ted Hughes.
-Non fai moito, Sylvia Plath, e agora o que foi o seu home, Ted Hughes. Por que?
-Despois de facer o de Plath houbo xente que me insistiu en que fixera algo sobre Hughes. Levo tempo mergullado na obra deses dous autores e falando co editor comentabamos que Hughes é un poeta moi pouco traducido en Galicia, de feito creo que eu son o primeiro. Tanto Plath coma Hughes eran dous poetas inmensos aos que amo.
-Que o levou a empezar a traducir libros?
-Cando unha obra nos atrae, é porque en certa medida vemos nela unha parte de nós mesmos. Eu decidín preguntarme que había de min nos poetas que eu amo, e comprobei que tanto en Ted Hughes como en Sylvia Plath había moito da miña identidade, que tiña afinidade espiritual con eles. Eu véxoo como un xeito de reafirmar as cousas nas que creo a través dos poetas que admiro.
-Identifícase con Hughes?
-Si, era un poeta que vía aos artistas como unha sorte de chamáns e indagou na 'espiritualidade' primitiva, as súas obras teñen un trasfondo mitolóxico espiritual? os galegos podemos conectar con el porque foi o grande poeta da natureza do século XX. Escribía no dialecto da súa zona, da parte oeste de Yorkshire, e estaba moi arraigado na súa zona e na súa propia lingua, eu penso que ten bastantes similitudes con Uxío Novoneyra. Malia a escribir sobre unha especie de microcosmos, esa paisaxe das gándaras, igual que Novoneyra conseguiu trascender e facer internacionais as súas vivencias. Gústame máis traducilo en galego, hai referencias do ambiente labrego que no castelán morreron pero no galego non, e se reflicte mellor o seu mundo.
-Como traduce un poema sen quitarlle intensidade?
-Eu sempre adopto o símil de que a tradución é como un trasvase de augas onde sempre se perde algo no camiño pero, seguindo con ese símil, tento mergullarme nas augas deses autores lendo moitísimos libros e biografías deles. Despois disto fago un exercicio stanislavskiano e póñome no lugar dos autores, pensando 'como se diría isto na miña lingua?', pero respectando sempre a súa linguaxe.