Desempoaron as pancartas que gardaban dende a última manifestación de xaneiro, afinaron as gaitas e os tambores, despregaron as bandeiras e sacáronlle a lingua ao "decretazo" do Gobierno de Núñez Feijóo. Foi o acto de rebeldía de milleiros de manifestantes que aproveitaron o Día das Letras Galegas para saír á rúa en Santiago de Compostela e reivindicar que "só en galego, Galicia ten futuro". Por eso, reclamaron a retirada do decreto do plurilingüismo e a dimisión dos conselleiros de Educación, Xesús Vázquez, e Cultura, Roberto Varela. A Praza do Obradoiro, con capacidade para 25.000 persoas, quedouse pequena para acoller aos numerosos manifestantes, que según a plataforma Queremos Galego sumaban 100.000 persoas.

A marcha contou co apoio de 700 organizacións, entre elas o BNG, que estivo representado polos seus principais dirixentes -Guillerme Vázquez, Anxo Quintana, Francisco Rodríguez ou Teresa Táboas-, pero tamén se colocaron detrás da pancarta os membros do PSdeG-PSOE, liderados polo seu secretario xeral, Manuel Vázquez, ademais dun bo número de deputados socialistas. Tras eles, seguiron o ritmo organizacións xuvenís como Galiza Nova, Xuventudes Socialistas e sindicatos como a CIG, Comisións Obreiras ou STEG.

"O galego é o noso existir". Con ese argumento recordaron ó Goberno do PP que se Galicia conta con institucións propias e cun certo grao de autogoberno é porque ten un idioma propio. "Andan ás patadas coa lingua", rezaba o manifesto que leron na Praza do Obradoiro representantes do mundo da cultura, entre eles Antonio Durán Morris, Xavier Docampo, Uxía Senlle ou Carlos Blanco. Na súa opinión, exemplo desta política "tan lesiva" é o "decretazo contra o galego". "Varre a nosa lingua da educación infantil e prohibe ó profesorado o seu uso nas materias científico-técnicas", queixáronse.

Ata dúas veces tiveron que ler o manifesto xa que durante hora e media seguiu entrando xente no Obradoiro. Non faltou a festa e o bo humor: cabezóns coa cara de Castelao, fotos de Feijóo cunha lenda debaixo que poñía "derogator" e unha radio xigante sobresaían entre a marea humana. Varios grupos de gaiteiros puxeron a música, interpretando incluso unha peza específica co estribillo de "queremos galego". A nota cómica veu da man de Quico Cadaval e do Carrabouxo que entonou un "ondiñas veñen, ondiñas veñen e van, pra defender o galego que nolo queren roubar".

E para os turistas que se cruzaron no camiño da marcha a prol do galego, os actores Carlos Blanco e Isabel Risco non dudaron en expicarlles en castelán, inglés, francés e italiano que estaban defendendo o seu dereito a expresarse no seu idioma, "unha lingua universal, legal e brillante".

No Día das Letras Galegas, a familia do homenaxeado, Uxío Novoneyra, enviou dende O Courel un saúdo aos manifestantes. "El estaría aí, chantado no medio da manifestación", transmitiron nunha mensaxe que leu o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, quén tamén citou as palabras do célebre poeta nas que advertía que a defensa da lingua "traspasa ideoloxías e partidos". Queremos Galego aproveitou ademáis para recoller sinaturas co obxeto de presentar unha proposición de lei no Parlamento en defensa da lingua galega.

Ao inicio da manifestación, Carlos Callón resaltou que existe "un 20% de analfabetos funcionais en galego", dato que subliñou que evidencia a necesidade de articular medidas para reverter esta tendencia. Por iso, apelou á Xunta para que "escoite a voz da sociedade" e emprenda medidas que potencien a lingua propia "históricamente desfavorecida", para garantir "a igualdade real" co castelán.

Entre outras entidades, participou a directiva do sindicato CIG-Ensino, liderada polo seu secretario nacional, Anxo Louzao, tras unha pancarta na que se lía "Paremos o decretazo contra o galego".

Así mesmo, víronse pancartas doutras organizacións sindicais, como CCOO, e de A Mesa pola Normalización Lingüística, co seu lema "Polo dereito a vivirmos en galego", ou "Eu quero galego".

Un ambiente festivo acompañou aos asistentes á marcha que, entre sons de tambores, pandeiretas e gaitas, mostraban pancartas das diferentes asociacións que compoñen a plataforma, como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, sindicatos e organizacións xuvenís e estudantís. A maioría das consignas entoadas polos manifestantes referíanse a protestas pola política lingüística do actual Executivo autonómico, como Pola nosa lingua, nin un paso atrás ou Mamá, eu quero galego, coa participación de xente de todas as idades. Ademais, puidéronse ver curiosidades como unha Galiña azul -novo nome das Galescolas- de cartón ou un cabezudo de Castelao entre a masa.

Entre os manifestantes, rostros coñecidos como o de Rafael Cuíña, militante do PP de Galicia e fillo do falecido Xosé Cuíña, e integrante da xunta directiva do Instituto Galego de Estudos Autonómicos e Europeos (IGEA).

A cabeceira da manifestación alcanzou a Praza do Obradoiro preto das 13.00 horas, onde os diferentes membros da plataforma Queremos Galego deron lectura ao manifesto no que reclaman á Xunta "que cumpra coa súa obriga de promover a lingua galega, para garantir a súa igualdade" co castelán.