"Foi unha decisión moi valente, síntome orgulloso da Academia Galega, moi poucas academias farían unha aposta así", afirmou onte Manuel Rivas, que levou a RAG a candidatura do seu vello amigo e compañeiro en lides literarias Lois Pereiro (Monforte, 1958-A Coruña, 1996), autor de pouco máis de dous poemarios e, sen embargo, poeta de culto. "É un mito contemporáneo", resumiu Rivas que, na súa primeira oportunidade, como académico, de propoñer unha figura para homenaxear durante o ano, logrou impoñer a súa vontade fronte a candidatos de corte máis canónico como Ricardo Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde ou Valentín Paz Andrade. Houbo doce votacións onte no pleno da RAE, ate sair refrendado Pereiro entre a ducia de nomes propostos.

Pereiro non era o favorito do presidente da RAE, Xosé Luis Méndez Ferrín, quen destacou non obstante que "a súa temática e a súa maneira de producirse no mundo son merecedoras de iste honor".

Para Ferrín, Lois Pereiro "representa o que Manoel Antonio representou nos anos vinte do século XX" e a súa obra supón "una liña de intensidade vital e orixinalidade formal" na lírica contemporánea.

Rivas sentiuse "emocionado" pola decisión, que racha por completo coa tónica dos anos precendentes e é un síntoma de que os novos tempos son chegados á institución académica. A propia entrada na RAE do autor de Os libros arden mal, o pasado decembro, significa a chegada da xeración dos oitenta, á que pertence Pereiro, un poeta que, como recordou o seu valedor, "é un mito contemporáneo" e encarna "a cultura alternativa e underground."

Despois de cumprirse en 2006 os dez anos da súa prematura morte, aos 38 anos, xurdiron voces en defensa da candidatura de Pereiro para conmemorar o Día das Letras Galegas (2010 estivo adicado ao poeta Uxío Novoneyra),entre elas a de un escéptico Rivas, que recoñecía entón a dificuldade de vencer a "xerontocracia" vixente.

En vida, Pereiro só publicou dous libros, Poemas 1981/1991 (Santiago de Compostela, Positivas, 1992), no que se recollen tódolos poemas que escribiu ao longo da súa vida literaria, e Poesía última de amor e enfermidade (Santiago de Compostela, Positivas, 1995), aínda que a súa obra figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985) e en distintas compilacións.

Dos dous poemarios publicados en vida, "duros e espidos", destacou a RAG, que en eles "se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura".

"Cultivou desde os inicios unha imaxe e unha estética que logo fixeron del un autor de culto", engadiu a Academia, e "cartografou coma ningúen o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo".

"A súa proposta callou na sensibilidade emerxente, mergullada no posmodernismo, e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo, acuciante e non retardario", salientou.

Pereiro participou en revistas como Loia -fundada en Madrid con Rivas, Antón Patiño e seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro -ou Luces de Galicia, ademáis de guións de televisión. Deixou tamén unha novela inconclusa, Naufragos do Paraíso. Un dos seus poemas foi musicado polo grupo coruñés Radio Océano, do que era lider seu irmán, que declarou tras o pronunciamento da Academia: "Non sei o que diría, porque non era un home que frecuentase os círculos literarios, pero imaxino que lle faría ilusión, porque, como a todo o mundo, gostáballe que a súa obra se difundise".

A súa tumba, en Santa Cristina do Viso, no Incio, leva grabado o epitafio: "Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria". Pereiro fixo da súa vida a súa obra. Unha obra escasamente difundida e que, con ocasión do Día das Letras Galegas, o próximo ano, as novas xeracións terán oportunidade de coñecer, como afirmou Manuel Rivas, quen augurou que Pereiro, "imaxe de malditismo e certa marxinalidade", "vai ser moi popular".