A historiadora ourensana Olga Gallego Domínguez, membro da Real Academia de la Historia e da Real Academia Galega, finou o sábado en Ourense, aos 87 anos.

Foi directora do Arquivo Histórico Provincial e do Arquivo da Delegación de Facenda de Ourense, membro do Padroado da Fundación Penzol e tamén do Padroado Ramón Otero Pedrayo. En novembro de 1986 ingresou na Real Academia Galega. O seu discurso na RAG foi unha achega á súa actividade investigadora, pois esta historiadora é un referente fundamental para o estudo da historia social, entre os séculos XIV e XIX, da provincia de Ourense.

Ordenou e clasificou o Arquivo Diocesano de Ourense. No ano 2008 recibiu o Premio Trasalba. A súa actividade catalográfica e arquivística levouna a verificar, xa en Vigo, os catálogos da Fundación Penzol, o da biblioteca da Caixa de Aforros, os das bibliotecas da Escola de Comercio e o do instituto Santa Irene. Olga Gallego deixa unha importante obra publicada.