A escola e compañía de teatro coruñesa Casahamlet, dirixida por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, gañou onte o premio Otero Pedrayo, un galardón instituido polas catro deputacións galegas e a Xunta de Galicia e que recoñece o labor constante de dignificación da cultura galega.

Por esta razón, este ano o premio recaeu en Casahamlet, compañía da que o presidente da diputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, destacou o seu "importante traballo de promoción cultural que, no ámbito do teatro, vén desenvolvendo dende a súa fundación en 1997".

Moreda explicou que a decisión de outorgar o galardón á entidade coruñesa foi unánime e gabou tanto os seus cursos de teatro como a súa revista -"un referente para coñecer a dramaturxia galega da última década", dixo Moreda- e os once manuais de teatro que ten editado.

Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega e un dos membros do xurado, explicou que con este premio faise xustiza ao mérito de Casahamlet, un axente importante na "creación da estrutural teatral da Coruña". Nesta liña, Salvador Fernández Moreda tamén valorou o galardón como un recoñecemento "á perseverancia e a vontade, que xunto co traballo e o esforzo constitúen o fundamental para conseguir as cousas", e dixo isto porque no ano 2006 Casahamlet decidiu retirarse como candidato ao Otero Pedrayo porque dous dos "rivais" eran Isaac Díaz Pardo e a Real Academia Galega. Un dos directores da compañía teatral, Santiago Fernández, explicou que tomaron esa decisión porque "ante semellantes monstruos da cultura galega", só podían retirarse "con rubor".

Santiago Fernández amosábase onte, trala chamada de Moreda, "orgulloso e moi contento, con máis ganas de seguir traballando e crendo no que facemos". "Aínda estou repoñéndome da alegría, pero tanto Manuel (Lourenzo, que se encontra nestes días rodando unha película en Fisterra) coma eu estamos encantadísimos e ilusionados con este recoñecemento", comentou Fernández, que destacou a importancia do galardón, "porque hai moitas institucións que o merecen, non é fácil gañalo".

Casahamlet foi creada por Lourenzo e Fernández no 1997 e nos seus cursos formáronse preto de 1.500 alumnos. Nestes catorce anos representou 25 obras teatrais e recitais poéticos a nivel profesional, entre as que se atopan desde versións dos clásicos de Shakespeare ou Edgar Allan Poe ata obras de autores galegos de varias xeracións como Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Rosalía de Castro ou mesmo Otero Pedrayo.

O premio ten unha dotación económica de 30.000 euros, dos que a Xunta achega a metade do importe e a outra metade apórtana as catro deputacións galegas.