Dous poetas nacidos en Ourense que viviron unha mesma época. José Ángel Valente (Ourense, 1929 - Xenebra, 2000) e Uxío Novoneyra (O Courel 1930 - Santiago 1999) habían ter coincidencias á forza, e a esta cuestión dedicou a súa conferencia onte o escritor Claudio Rodríguez Fer no congreso adicado a Novoneyra na Real Academia Galega (RAG) estes días. Aínda que non se influíron na súa obra, ambos presentan similitudes líricas e, como dixo Rodríguez Fer, "estaban obsesionados cunha poesía aberta e totalizadora e tiñan unha concepción unitaria do mundo".

O poeta do Courel mantivo unha variada correspondencia con Valente, sobre todo na época en que este último traballaba en Xenebra como funcionario na Organización das Nacións Unidas. Nesta época, Novoneyra solicitou en varias ocasións a tradución dalgúns poemas seus a outras linguas estranxeiras. En contrapartida, Valente pediulle que revisara as súas Cántigas de Alén, por se contiñan fallos lingüísticos na escrita en lingua galega.

Rodríguez Fer atopa tamén parecidos na forma que teñen os dous poetas de aproximarse á natureza e poñerlle voz. "Novoneyra en galego e Valente, a maioría das veces, en castelán, veñen a dicir o mesmo. Nos seus poemas, o ser humano está integrado na natureza como un elemento máis", dixo o ensaísta, quen destacou a aproximación de ambos escritores ós haikus da poesía japonesa.

Na segunda xornada do congreso, onte, falaron tamén outros estudosos da figura de Uxío Novoneyra como Carlos Paulo Martínez Pereiro, Anxo Angueira, Carme Blanco, Teresa López, Antón Lopo e Xesús Alonso Montero. Para pechar, os escritores Yolanda Castaño, Salvador García-Bodaño, Luz Pozo e Manuel Rivas ofreceron un recital poético.

O encontro sobre Uxío Novoneyra remata hoxe coas conferencias de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Darío Xohán Cabana, Ramón Lorenzo e os fillos de Novoneyra, Uxío e Branca Novoneyra Rei.