A IX edición dos Premios Mestre Mateo, que terá lugar o próximo 17 de abril, entregará o Premio Revelación Chano Piñeiro e o Premio de Honra Fernando Rey a Óliver Laxe e Luís Tosar, respectivamente.

Segundo explicou o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira Pico, tanto Laxe como Tosar "son dous claros exemplos do talento e capacidade de traballo que existe actualmente no audiovisual galego e representan o futuro do sector".

Pico presentou tamén a programación de Encontros, que se vai desenvolver durante toda a semana que vén, de luns a venres, en A Coruña, Ourense, Santiago, Vigo e Lugo. Os Encontros Mestre Mateo son unha iniciativa da Academia para achegar os traballos e os profesionais do audiovisual aos estudantes das escolas de comunicación audiovisual de Galicia, a través da exhibición de distintas producións e de charlas con persoas que traballaron en cada unha delas. Tamén terán o aliciente de que as persoas presentes nas conferencias están nominadas aos premios.