Fotografías de reunións e mitins sindicais, exemplares únicos do xornal Solidaridad Obrera, libros sobre o anarcosindicalismo... O artesán José Villaverde Velo, que con só quince anos fundou a Federación Local de Sociedades Obreiras de Santiago, foi reunindo durante anos unha colección de documentos que axudan a entender a historia da causa proletaria en Galicia. Documentos que o líder da Confederación Nacional de Trabajadores (CNT) enterrou dentro dunha maleta na fábrica de calzado Senra e que, co asasinato de Villaverde a mans do bando nacional no ano 1936, a súa familia recuperou nos anos 40 e agochou en diversos domicilios durante a época franquista. Foi na década dos 70, coa Transición, cando os investigadores puideron por primeira vez consultar e estudar ese material.

As fillas e netas de José Villaverde entregaron onte á Real Academia Galega (RAG) esa colección, na que figuran unhas cen fotografías, varios xornais de Solidaridad Obrera -voceiro da Confederación Regional Galaica-CNT e editado na Coruña entre 1930 e 1936 -, exemplares únicos que non se atopan en ningún outro arquivo español, e algúns libros de valor histórico excepcional. Desta maneira se cumpre o desexo da familia Villaverde, que non era outro que preservar ese material nun centro público e que puidese acceder a el toda a cidadanía. Olga Villaverde, filla do líder sindicalista galego, afirmaba onte que esperaba "que eses documentos sirvan de exemplo para as xeracións vindeiras".

O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, mencionaba durante a sinatura do convenio entre a familia Villaverde e a institución a importancia da CNT no mundo e lembraba que o mismísimo Karl Marx falara na súa columna do New York Daily Tribune da revolución proletaria en Galicia e na Coruña. Unha revolución á que contribuíu a clase obreira e, sobre todo, José Villaverde Velo. "O seu legado podería estar técnicamente ben conservado en calquera outra fundación ou arquivo, pero difícilmente atoparán un lugar onde o reciban con máis cariño e complicidade que a Academia Galega", apuntou Ferrín.

No acto participou tamén Dionisio Pereira, investigador da figura do anarcosindicalista santiagués, que mantivo unha estreita relación coa familia deste dende os anos 70. Pereira lembrou a Villaverde como alguén que "acendeu o espírito da xente de traballo e dos intelectuais coruñeses, e que ao final do seu mandato na CNT deixaba 35.000 afiliados". "A Academia convértese en garante da difusión do seu legado ás novas xeracións, para que saiban que o seu devezo por unha vida máis libre e máis xusta xa foi compartido por outros fai moito tempo. Como dixo Martín Garitano, diputado xeral de Guipúzcoa, 'somos porque foron e serán porque somos", rematou Pereira.

Mar y Luz Villaverde, neta do artesán compostelano, lembrou con bágoas nos ollos ao seu avó, de quen dixo que sempre se preocupou de facer feliz á súa familia sen facerlles "vivir o franquismo".