A Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) súmase aos actos de celebración do centenario de Álvaro Cunqueiro co seminario Cen anos de Cunqueiro, onde recoñecidos escritores e xornalistas analizan estes días as múltiples facetas do autor mindoniense, como novelista, poeta, xornalista, narrador, crítico gastronómico, enólogo e dramaturgo.

O xornalista Carlos Reigosa abriu o seminario coa súa ponencia Introducción á vida e á obra de Cunqueiro, onde abordou a importancia e influencia que tivo para a súa obra o nacer en Mondoñedo, onde, segundo sinalou, se atopan as claves creativas e políticas do escritor. "Foi o lugar onde naceu, onde renaceu e ao fin da súa vida, o lugar onde foi enterrado". O xornalista cre que este centenario do escritor de Lugo "estase dedicando intencionadamente á súa obra e pouco á súa biografía, unha vida non fácil de contar".

Reigosa, que apunta que a faceta xornalística do escritor lucense mermou a súa produción noutros ámbitos literarios, destacou que Cunqueiro viviu toda a súa vida nun entorno "hostil crítica e literariamente" e que, ao mesmo tempo, foi admirado por autores da época como Gabriel García Márquez -que nunha ocasión afirmou: "As súas descricións eran tan deslumbrantes que parecéronme delirios de galego"- ou Gonzalo Torrente Ballester. De feito, destacou que o propio Cunqueiro foi o precursor dun realismo máxico, que o levou a un alto nivel de creatividade. Reigosa lembrou unha frase pronunciada por Cunqueiro, que dicía: "o único que lamento é non escribir máis e mellores novelas". Sobre esto, apuntou o xornalista, "Cunqueiro tiña a sensación de que escribiu só a décima parte das novelas que se lle ocorreron".

O Director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta, Francisco López Rodríguez, definiu a Cunqueiro no acto de presentación do curso como "un dos grandes fabuladores da literatura europea, que fixo do compromiso coa lingua o seu leitmotiv". Segundo López, o mérito de Cunqueiro non foi só recoller a "enraizada tradición da oralidade galega" senón "empregar o seu enorme talento para renovala e reforzala, ata convertila nunha obra literaria tan abundante como tremendamente orixinal".

O director da UIMP en Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas, sinalou que a obra de Cunqueiro é "a columna vertebral da literatura galega" e trátase dun "autor auténtico, que levou a lingua galega aos niveis nos que hoxe en día podemos falar dun premio Nobel". Cunqueiro escribiu numerosos artigos, que o alinearon co bando nacional, o que lle permitiu entrar a formar parte do aparato intelectual do Franquismo, no que acada, segundo o xornalista Carlos Reigosa, "un brillo extraordinario". Nese contexto trasládase a Madrid, convertida xa na capital cultural, para entrar a traballar no ABC. Reigosa asegurou na súa conferencia que se fala de máis de 25.000 artigos escritos por Álvaro Cunqueiro. "Cunqueiro escribía para todo o mundo e, de feito, vivía das colaboracións que facía cos xornais, que ás veces lle pagaban e outras non, pero vivía un momento de gloria". Di Reigosa que o esplendor desa época víuse truncado en 1944, cando se lle retirou o carné de xornalista, prohibíndolle escribir en calquera medio de comunicación, "o que sentencia o futuro de Cunqueiro".

Para Francisco López, a capacidade de Álvaro Cunqueiro para fabular só a pode despregar "un auténtico soñador, un fabulador que cando escribía describía as illas nas que Ulises pasaba a súa xuventude inspirándose nas Cíes e en Sálvora". "Cando pintaba un porto do Golfo Pérsico, pensaba en Foz ou en Viveiro; e cando falaba de Bretaña do Sochantre de Pontivy, en verdade falando de Galicia, porque no fondo era de Galicia do que sempre falaba Cunqueiro", concluíu.

A segunda das conferencias de onte impartiuna José María Paz Gago, catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, baixo o título O teatro de Álvaro Cunqueiro: do surrealismo ao absurdo. O profesor da Universidade da Coruña comezou a súa intervención falando sobre o teatro surrealista dos anos 30, nos que destacan pezas cortas. "Estas pezas fóronse descubrindo nos últimos anos, trátase dun teatro moi interesante e que só é comparable ao Teatro Imposible de Lorca", asegurou Paz Gago. E engadiu: "Hai moi pouco teatro surrealista no mundo, pero será o que lle dará a clave de O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca". Nesta obra, segundo o catedrático da UDC, adelántase coas súas versións paródicas e absurdas de Shakespeare. "Son as primeiras manifestacións do Teatro do Absurdo, movemento tan importante do siglo XX", apuntou.

De feito, o profesor Paz Gago lamentou que, a día de hoxe, todavía non se entendera esta obra tan importante para o teatro galego. "En 20 anos segue sen entenderse o Hamlet de Cunqueiro", matizou. Lembrou que en 2010 Sarabela Teato representou esta peza, interpretada como traxedia. "Non ten sentido representala como traxedia, porque atoparemos incoherencias", afirmou.

O seminario Cen anos de Cunqueiro continúa hoxe coa intervención do editor e escritor Víctor Freixanes, que presentará a ponencia Álvaro Cunqueiro, un escritor nos xornais. O escritor afondará na extensa lista de artigos que o mindoniense elaborou para a columna O envés, no diario Faro de Vigo. Nestas pezas, explicaba Reigosa, o escritor galego pretendía "amosar a outra cara da noticia, porque el tiña sempre a percepción de que nunha noticia sempre había unha cara que non estaba contada". Tras Freixanes será o turno da escritora e catedrática de Literatura Española Marina Mayoral, que falará sobre O humor na obra de Cunqueiro, e pola tarde intervirá Inma López Silva, escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, coa conferencia Álvaro Cunqueiro e o teatro.

Con personaxes propios, como Fanto Fantini, ou xogando ó redor doutros universais como Merlín, Sinbad o Hamlet, o escritor lucense configurou unha das apostas literarias máis orixinais da literatura galega do siglo XX. A UIMP súmase con estas xornadas ós actos de celebración do centenario do nacemento do autor de Mondoñedo. O curso remata mañá coas ponencias de Dolores Vilavedra, Domingo Villar e Arcadio López Casanova.