A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) acaba de crear a Escola de Escritoras e Escritores, unha iniciativa que ten como obxectivo transmitir aos seus membros a paixón da creación literaria nun momento en que Galicia "necesita máis que nunca o compromiso coa súa lingua", dixo o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez. A Escola de Escritores impartirá obradoiros en concellos de toda Galicia, que terán diversos formatos en canto a xéneros literarios, contidos temáticos e idade dos destinatarios.

O presidente da AELG considera que a asociación que preside "podería ser útil neste momento" para cumprir a función de normalizar a lectura e a escritura en Galicia. "A nosa idea é procurar entre os mozos e mozas de últimos anos de estudos medios ou primeiros da universidade esa paixón pola escritura, poder compartir con eles a creación literaria", afirmou Sánchez.

Os obradoiros están destinados a persoas maiores de 16 anos e con eles a AELG pretende, segundo di nun comunicado, proporcionar estratexias para a escrita de ficción, afondar nos motivos que alimentan a literatura, crear unha capacidade de observación, reflexión e intercomunicación no propio interior, concienciar á sociedade da necesidade de estimulación creativa e poñer en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria. Cesáreo Sánchez sinala que o máis importante é "inicialos na escrita, e que isto leve a que de aí saian futuros escritores e non só iso, senón que se formen persoas que saiban escribir ben e comunicar o que pensan con calidade literaria".

O primeiro dos talleres da Escola de Escritoras e Escritores terá lugar na Coruña e correrá a cargo da poeta Antía Otero, aínda que a AELG mantén conversas con moitos concellos galegos para levar eses obradoiros por toda a comunidade. En Lugo, segundo afirmou Sánchez, "case con total seguridade impartirán un curso Antonio Reigosa e Isidro Novo, e en Pontevedra realizarase un de literatura infantil e xuvenil".

A Escola de Escritores da AELG, explica o seu presidente, "pretende transmitir, como primeiro valor, a liberdade creadora", e cos obradoiros tentarán "potenciar as capacidades interiores que xa existen na propia persoa, fomentar o mundo poético, en canto que mundo persoal e interior de cada un". O presidente da asociación revelou que "haberá obradoiros de escrita creativa, sen separar en xéneros, porque cada un camiñará cara a certos xéneros. Crear literatura é un exercicio de liberdade interior", apuntou.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega amosou o seu apoio aos medios de comunicación en galego: "Galicia necesita xente comprometida coa lingua, é un acto deplorable o peche de xornais", dixo Cesáreo Sánchez, quen afirmou que "é un acto de responsabilidade coa lingua apoiar aos medios de comunicación en galego, aos galegofalantes vainos a vida en ter unha prensa nesta lingua".

Os escritores en galego confirmaron o seu apoio "tanto os medios como os traballadores deses medios, xa que dalgún xeito a nosa razón de ser é tamén que haxa xornalistas en galego", concluíu Sánchez.