Publicado pola inqueda e activa editorial Dos acordes en formato de libro, co engadido dun CD e un DVD, a obra Así fan os bailadores contén unha compilación de danzas e bailes tradicionais nas que achamos as transcripcións musicais en partitura, ilustracións, fotografías e as explicacións dos bailes no libro, mentres que no CD escóitase a música interpretada en estudo coa idea de podela ouvir independentemente do acompañamento do baile; e no DVD poden ollarse, con música en vivo, as danzas elixidas para esta ocasión interpretadas por un fato de nenos e rapaces.

Este traballo foi feito por Xabier Iglesias, Juan Parga e Sergio de la Ossa.

A obra inclúe a reprodución en cinetografía das danzas e bailes practicados. É un método de escrita aplicado á danza, ideado por Rudolf Laban a comezos do século XX e desenvolvido por János Fügedi, profesor no Instituto de Musicoloxía da Academia Húngara das Ciencias de Budapest, e que é a primeira vez que se edita en España.