-Por que editar agora unha recopilación dos seus contos?

-A intención, aínda que hai inéditos, era reunir todos os contos nun mesmo volumen, porque hai algúns que estaban esgotados, outros publicados en coleccións xuvenís -e por estar nese nicho moita xente non os leu-, outros non se atopaban ou estaban espallados... Había esa necesidade de facer unha edición conxunta, revisada e ordeada. É unha revisión lixeira, sempre que te pos a reler existe esa tentación de reescribir pero procurei conterme e tocar o mínimo.

-Hai moitos escritores que din que é máis fácil escribir unha novela de 400 páxinas que un relato breve. Que opina vostede?

-Para min o máis difícil é facer un haiku, un poema breve, e se teño que responder coido que escribir un conto bo é máis difícil que facer unha novela, aínda que non é doado facer ningunha das cousas... Son intensidades diferentes: o conto é como un misto, que o prendes e termas del mesmo ata que che queima os dedos; unha novela é unha mecha longa que vai ardendo na que é máis difícil manter en vilo todo o rato ao lector.

-O libro sae en galego e en castelán. Non lle resulta raro traducirse, tendo en conta que concibe eses contos en galego?

-Eu escribo e teño que oírme en voz alta, como falan os personaxes, para min é importante a sonoridade que ten a lingua e algunhas ironías do galego, pero é unha cuestión de como trasladalo, porque todas as linguas teñen as mesmas capacidades. Parte da diversidade do mundo é poder facer esas transmigracións, iso é unha sorte.

-Teme polo futuro da literatura en galego?

-Os problemas da literatura non son de creación; penso que cada vez é máis plural e hai máis escritores. O problema son os condicionamentos do Goberno autonómico, que realizou unha especie de golpismo lingüístico cando chegou, cando xa había un Plan de Normalización Lingüística consensuado e chegárase a unha situación de equilibrio. Agora todo son atrancos e, sobre todo, o que é un discurso penoso é que un goberno que naceu dunha autonomía histórica -que saíu adiante con esa condición de histórica por ter unha lingua propia-, dea a entender que a súa lingua é inútil, precisamente cando estamos nunha situación idónea para entendernos con todos os países castelánfalantes e cos de lingua portuguesa.

-Como pensa que afectará á cultura galega a decisión da Xunta de retirar as axudas ás fundacións e asociacións?

-Seguramente desaparezan algunhas, porque o que é un eufemismo falso é a palabra 'subvención'. Noutros eidos dan diñeiro a unha empresa e falan de potenciar o privado, de prestación de servicios. En cambio para cultura, nada diso serve, como se a cultura non fora un servicio fundamental para o país.

-O outro día John Banville dixo que, en tempo de crise, os médicos deberían receitar novelas negras. Que tipo de literatura receitaría vostede?

-Paréceme moi boa idea (risas), eu penso que se debería ler máis literatura en xeral, porque transmite información básica sobre a condición humana. Xa dicía Einstein que o primeiro que tiña que facer un científico era ler poesía. Hai unha perda de sensibilidade, agora todo se pensa en cifras, e a toda esa xente que sabe moito de grandes magnitudes pregúntaslles polo prezo dunha barra de pan e non o saben.

-O xornalismo pode axudar nesta crise ou só serve para crispar un pouco máis os ánimos?

-É tan importante como a literatura, pero é un dos eidos máis corroídos pola actual situación porque a información ás veces é tratada como unha mercadoría. Os xornais necesitan recuperar a autoestima que lles foi sustraída. Respecto á crise, son un indignado optimista, hai que pensar no Rexurdimento: Rosalía, Curros, Murguía e compañía viñan da I República e as circunstancias eran adversas, pero eles tiveron a coraxe e o talento para facer agromar ese Rexurdimento, que é unha referencia para nós. Esta é unha razón de máis para tentar algo así.

-Como recibe o seu nomeamento como honoris causa?

-Gustaríame volver a ser estudante... Tentarei poñer un pouco de luz e facer que A Coruña sexa ese local universal que debe ser.

-Puido ver algo da película Todo es silencio, de Cuerda?

-Creo que vai saír unha boa historia, nela hai unha presenza do mar de Galicia que non se vira antes.