O ano que vén virá con novidades no que atinxe ao concepto que ata agora se manexou nos PREMIOS OPINIÓN. A décimo primeira edición será o punto de partida deste xiro na estrutura.

Se ata agora eran premiados os tres mellores discos do ano e os vencedores coñecíanse con anterioridade, co primeiro clasificado actuando sempre na cerimonia de entrega, a partir deste momento os que se leven a súa casa a estatuíña creada especialmente para o evento, e que exerce como imaxe de marca do galardón, só o saberán no decurso da propia gala.

Previamente daranse a coñecer os catro finalistas de cada unha das tres categorías nas que agora se vai centrar o premio. Manterase o recoñecemento ao mellor disco folk galego do ano e engadirase para esta nova edición o galardón ao mellor tema orixinal incluído nos discos publicados. O outro premio que queda recaerá nas mans do artista máis salientable en opinión do xurado de sete xornalistas especializados en música que deciden o elenco de triunfadores.

Deste xeito, na noite máis festiva do folk galego haberá un espazo para manter a incertidume de quen leva finalmente o premio, aínda que consideramos que formar parte da candidatura a calquera das tres categorías como finalista é xa unha proba de que o traballo desenvolvido tivo os parabéns do xurado e debe ser xa un motivo de orgullo para o músico.

No que atinxe ao PREMIO OPINIÓN ANDAINA SENLLEIRA non varía en nada o concepto xa manexado nas catro edicións precedentes, sempre coa idea de gabar o labor efectuado a prol da música de raíz ao longo dunha traxectoria, e farase público pouco antes de ter lugar a cerimonia de entrega, tal como veu acontecendo ata este momento. A nova estrutura que se levará á práctica desbota a posibilidade de que o gañador actúe na gala, xa que ata esa mesma noite non se coñecerán os vencedores, e polo tanto iso permitirá afondar nesa idea que xa fomos apuntando en edicións pasadas de crear algo propio para ese día, tal como sucedeu coa homenaxe realizada a Milladoiro co gallo do seu trinta aniversario, con sete artistas en escena, ou a creación da banda Axada para conmemorar o décimo aniversario. E para a vindeira edición adiantamos que xa realizamos algunha encarga especial para esa noite, pero xa haberá tempo para falar diso.

Esa é, sen dúbida, unha das liñas a seguir no futuro e outra das vocacións que xa quedaron claras nestes anos foi a de dar a oportunidade de debutar a algúns artistas, tal como sucedeu co dúo Espido, a solista Sonia Lebedynski e practicamente cos zanfonistas de 8 Rodas, xa que cando subiron ao escenario do teatro Rosalía era a segunda actuación que realizaban diante do público.

Tamén afondaremos na aposta por conceptos novidosos e na nosa mente anda algún proxecto con plasmación en disco que nunca chegou a ser presentado en público e que pode ter agora a súa oportunidade para ser escoitado polos espectadores. Anceiamos que esta renovación permita continuarmos a ofrecer unha gala vistosa da que os espectadores saian satisfeitos co contemplado enriba do palco, e agora engadimos o suspense de saber quen resulta gañador.