O festival Folkherbst celébrase na cidade alemá de Plauen. Este ano participaron dez bandas de diferentes países e o gaiteiro galego foi quen de se facer co premio outorgado polo público.

Ese galardón permitiralle tocar o vindeiro xaneiro no mesmo lugar, onde recibirá a Iron Eversteiner, estatuíña do festival que entregan aos vencedores. O de Moaña conectou perfectamente cos espectadores cos temas incluídos no seu primeiro disco.

Anxo é un gaiteiro afeito a percorrer mundo aparecendo de solista co seu instrumento por mor das súas sobresaíntes capacidades e coñece bastantes festivais de gaiteiros, especialmente nos países célticos. Coa súa banda está tamén a lograr unha interesante proxección internacional.