O disco Sós, da artista coruñesa Mercedes Peón, foi elexido como o quinto mellor do mundo dentro de xénero da música étnica. Tras estar dous meses consecutivos como número 1 da lista, Mercedes Peón finalizou o 2011 no quinto posto da prestixiosa lista World Music Charts Europe.

A World Music Charts Europe é a lista de referencia mundial no xénero da World Music ou música étnica. Un xurado composto de 45 críticos de máis de 23 países europeos selecciona cada ano os mellores discos deste xénero musical.

Mercedes Peón remata así o ano 2011, tras unha exitosa xira internacional con máis de vintecinco concertos como embaixadora de Galicia por España, Francia, Bélxica, Portugal, Holanda, Alemania, Gran Bretaña, Austria, Suecia, etc. Neste ano 2012 a artista galega comeza a súa xira internacional en Estambul e continúa camiño por Bélxica, onde lle espera unha xira de dez concertos durante o mes de marzo.

Segundo a discográfica da intérprete, Sós é un disco cheo de humor e de ambientes electroacústicos. "É música de vangarda, un disco catalogado como maduro e fresco. É un exercicio de microcomposición, onde o resultado final, maior que as partes que o conforman, erísexe como o traballo máis vangardista e contemporáneo dos editados ata o momento", reza un comunicado de Maré Producción.

A artista coruñesa recibiu críticas positivas de todo o mundo, entre elas o diario inglés The Guardian, que publicou que "é unha das artistas máis autenticamente orixinais da escena musical española".