O festival Cantos na Maré naceu no ano 2003 co obxectivo de divulgar a conexión lusófona musical existente entre Galicia e as nacións de fala portuguesa. Nesta edición realizarase unha homenaxe ao fado, que vén de ser escollido pola Unesco como Patrimonio Inmaterial da Humanidade. O padriño desa exitosa candidatura foi o mítico Carlos do Carmo, quen estará presente mañá, sábado 14 de xaneiro, ás 21.00 no Pazo da Cultura de Pontevedra. A voz masculina por excelencia do fado, con máis de corenta anos de carreira, será unha das atraccións deste festival. Do Carmo estivera a comezos dos anos noventa actuando no Pazo da Ópera coruñés e nestes anos non se deixou practicamente ver por terras galegas, polo que esta é unha boa ocasión de escoitalo. A caboverdiana Mayra Andrade é outra presenza de gran interese. A artista é unha das propostas máis prometedoras do panorama folk. Editou dous álbumes e ten un futuro brillante por diante.

Completan o programa de actuacións a brasileira Socorro Lira, coñecida polo disco que publicou sobre as cantigas da lírica galegoportuguesa, titulado Cores do Atlántico, e o galego Xoán Curiel, un dos poucos artistas do país que podemos encadrar no eido dos cantautores. As entradas para o festival custan 12 euros en venda anticipada e 15 na billeteira.