Unha campaña viral con actores galegos, titulada Volven os máis jrandes, levaba semanas dando que falar nas redes sociais, e en toda Galicia espallouse un rumor que soaba cada vez máis forte: a volta de Herdeiros da Crus, a banda de Ribeira que se convertiu nos 90 en referente do rock en galego e que inspirou a outras formacións actuais como Pito de Pikasso, Novedades Carminha e Terbutalina.

Pero a campaña en internet non mencionaba en ningún momento o nome da banda, aínda que nun dos vídeos, o actor Daniel Currás -que interpreta a Pincho na serie Matalobos, da TVG- xa apuntaba unha pista que facía pensar que a noticia era certa: "¿E ese home... sejirá entrando nas mallas?". Currás referíase a Javi Maneiro, o cantante de Herdeiros da Crus, que nos seus concertos saía ao escenario con mallas, petos de ganchillo e outras indumentarias que nunca deixaban indiferente ao persoal.

E onte, na Facultade de Xornalismo de Santiago, confirmouse. O grupo coruñés regresa aos escenarios da man de Airapro, a produtora de Carral que rexentan os actores Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro. A formación de Castiñeiras, que creou escola na música galega e popularizou temas como A chaqueta de lana, Non quero nada de ti e Íscalle lura, ofrecerá un concerto o vindeiro 3 de marzo na discoteca LP45 de Ordes. Os artífices de discos como A Cuadrilla de Pepa a Loba e Está que te cajas, famosos polo seu rock 100% galego -cantado con gheada e seseo-, afirmaron que están "animados e preparados" para a volta. "Tiñamos ganas de volver, ¡viva o rock!", proclamou o guitarrista de Herdeiros Tonhito de Poi, que agradeceu xunto ao resto da banda a boa acollida que está tendo a noticia entre os galegos, que xa contan os días para volver a jastar pista.