Os autores das obras Pelos na lingua, Memoria de Helena e María e 0,7% Molotov optan ao premio Max ao mellor autor teatral en galego este ano, no que os galardóns alcanzan a súa XV edición, tal e como deu a coñecer este mércores o comité organizador destes galardóns das artes escénicas.

En concreto, na categoría de mellor autor teatral en galego optan ao premio Avelino González, Artur Trillo e María Ordóñez, por Pelos na lingua, que leva a escena Talía Teatro. Tamén compite por este galardón Roberto Salgueiro, por Memoria de Helena e María, de Teatro do Atlántico; así como Santiago Cortegoso, por 0,7% Molotov, de Ningures Producciones. Comparten nominación cos outros finalistas nas 23 categorías a concurso da XV edición destes galardóns, que naceron en 1998 co propósito de estimular e premiar o talento dos profesionais das artes escénicas do país.

Ademais das 23 categorías a concurso, existen outros catro premios especiais que se darán a coñecer nas próximas semanas: Max de Honra, Max Iberoamericano, Max Novas Tendencias e Max da Crítica. O quinto, o premio Max ao espectáculo revelación, desvelarase no transcurso da cerimonia de entrega.

A Fundación Autor da SGAE é a entidade encargada de organizar os premios Max que, marcados polo seu carácter itinerante, percorreron boa parte da xeografía española: Madrid, Barcelona, Bilbao e Sevilla -as catro cidades en dúas ocasións-; Valencia, Vigo, Zaragoza; Guadalajara, Córdoba e Las Palmas de Gran Canaria. Será a cidade de Madrid a que acollerá a cerimonia da XV edición dos premios Max das Artes Escénicas o próximo 30 de abril no Teatro Circo Price.

Na categoría de Mellor Espectáculo de Teatro optan á figura La avería, de Avance Producións Teatrais, Entrecajas Producións Teatrais; Todos eran mis hijos, de Producións Teatrais Contemporáneas, e Veraneantes, de Teatro de La Abadía, Kamikaze Producciones.

Pola súa banda, optan ao Max a mellor actriz protagonista Anna Lizarán, por Agost; Bárbara Lennie, por Veraneantes, e Vicky Peña, por Un tranvía llamado deseo. Na categoría mellor actor protagonista atopamos a Asier Etxeandia, pola avaría; Carlos Hipólito, por Todos eran mis hijos e Israel Elejalde, por Veraneantes.