Como xa viñemos informando, esta décimo primeira edición dos PREMIOS OPINIÓN de música folk vén con novidades. Logo de estar unha década premiando os tres mellores discos do ano, agora pasamos a contar con tres categorías cos seus correspondentes finalistas. Mantense o apartado de mellor álbum do ano e engádense o de mellor tema orixinal e artista, que se entregará a título individual para salientar o traballo dun músico nos discos publicados.

A idea primixenia é a de contar con catro finalistas por cada apartado, mais un empate xurdido á hora de facer o reconto de votos das mellores cancións orixinais fan que, nesta ocasión, sexan cinco as elixidas para competir polo galardón. Chama poderosamente a atención o compoñente lusófono que paira sobre as pezas finalistas. No disco de Uxía ten unha participación moi importante o guitarrista brasileiro Sérgio Tannus á hora de abordar os arranxos do repertorio. Na peza elixida comparte creación musical coa solista sobre un texto de Uxío Novoneyra.

Acrobata é o traballo conxunto de Ugia Pedreira e o brasileiro Fred Martins. A peza escollida, Depressa a vida passa, é unha composición de Martins. O trío Assembly Point está formado por un galego, un irlandés e un portugués e Jumping bits, a canción seleccionada é unha creación do luso Luís Peixoto. E non debemos esquecer que a peza aportada polo grupo Doa provén da tradición das cantigas medievais galego-portuguesas. O tenma conta con texto de Pero meogo e o creador da música é Bernardo Martínez, un dos compoñentes históricos da formación. A única peza sen influencia directa lusófona é a facturada polos compoñentes de Talabarte.

En canto ás candidaturas para o mellor artista achamos a unha solista con moito percorrido musical, Uxía, e a unha violinista, Begoña Riobó, que sen ser solista dá nome co seu apelido á banda que realizou a súa ópera prima este ano. Logo temos a dous músicos que coinciden na formación de Doa, Xoán Piñón,e Óscar Fernández, aínda que este último foi votado polo seu traballo na dirección musical do proxecto que deu lugar ao disco de Atlántica Vapora Orquestra. Entre o mellor disco atopamos ata tres tríos, un número de compoñentes que está a funcionar moi ben na música do noso país e que, vistos estes resultados, amosa que ese tipo de formación resulta suficiente para ofrecer un traballo con entidade e no que non se boten en falta máis compoñentes. Todo é cuestión de axustar con intelixencia a música interpretada para que soe perfectamente con tres artistas, aínda que non podemos esquecer que a situación de crise da industria leva a montar proxectos que non teñan moitos compoñentes e que se poidan mover doadamente á hora de realizar concertos.

Cómpre indicar que as votacións foron tremendamente axustadas, especialmente no apartado de mellor disco.

Nesta edición incorporamos ao xurado que decide os galardóns ao programa Folk In Trio, da emisora coruñesa Cuac Fm, que están acompañadas nas decisións polos compoñentes das últimas edicións. Os outros sete xurados dos premios son José Miguel López, director e presentador de Discópolis en Radio-3; Xoán Manuel Estévez, da revista Tempos Novos; Nonito Pereira, de El Ideal gallego; Salvador Rodríguez, de Faro de Vigo; Fernando Neira, xornalista de El País; Albert Reguant, de Catalunya Radio e quen isto subscribe representando a LA OPINIÓN A CORUÑA.

Os gañadores coñeceranse na gala de entrega de premios que terá lugar no vindeiro mes de maio e da que informaremos máis a miúdo en datas vindeiras.

Por outra banda mantemos o premio Andaina Senlleira que recoñece o traballo a prol da música de raíz de persoas, colectivos ou entidades. Ese galardón conserva a estrutura anterior e farase público antes de celebrarse a cerimonia de entrega. Nas catro anteriores edicións os vencedores foron Emilio Cao, Antón Corral, o grupo Na Lúa e a agrupación Cantigas e Agarimos.