O cineasta Héctor Carré (A Coruña, 1960) acaba de rematar a montaxe da súa última película, Personal movie, un thriller 100% galego cuxo tráiler presentou onte no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Outro filme de produción galaica que se suma a unha longa lista, da cal Carré destaca que, a miúdo, son historias cercanas aos espectadores, e é aí onde radica o éxito. "A industria audiovisual galega é moi pequena en comparanza coa americana, por exemplo, pero hai máis proximidade e identificación coas historias e os personaxes, e iso non se pode perder", comentou o escritor coruñés, que tamén presentou no CGAI a súa última novela, Febre, ante un grupo de estudantes de Bacharelato do instituto Adormideras.

Carré, que estreará o seu filme -protagonizado por Santiago Romay, Isabel Blanco e Chete Lera, entre outros- despois do verán, eloxiou o feito de que a televisión pública galega programe cada semana varias películas feitas en Galicia. "Foi unha demanda que fixemos desde CREA, a Asociación de Directores e Realizadores, e é unha boa forma de promocionar o produto de aquí e favorecer a súa difusión. Hai que aproveitar tamén esa particularidade de que temos unha lingua propia e recibimos unha atención especial no país", comentou o director, quen quedou coas ganas de levar ó cine Febre, "porque a historia pagaba a pena, pero facía falta un orzamento moi amplo para facer fronte a unha historia de época e con tanta figuración".

Personal movie, que se rodou o ano pasado nos arredores da Coruña, está producida por Sun Lúa e narra a historia dun home ao que alguén tenta inculpar por un asasinato. O filme presentarase en diversos festivais e chegará ás pantallas de todo o país despois do próximo verán.