Jose Afonso naceu en Aveiro e países como Angola e Mozambique ocupan un lugar na súa biografía, o que posteriormente lle axudaría para dotar á súa música dun certo pouso africano.

Se nun primeiro momento se lle puido ollar só como a un cantante dos chamados de intervençao, nese movemento artístico de protesta diante de ditadura de Salazar, a súa figura musical aumentou de xeito considerable co paso dos anos, deixando un legado que transcende a súa faceta máis política. É verdade que nas letras de Zeca existe unha ampla representación de cantigas comprometidas, mais ese compromiso vai máis alén e podemos advertir na súa obra a un autor que sabe retratar a vida social e persoal dun xeito moi lúcido. As relacións humanas son parte importante nas pezas elaboradas polo artista luso. Indubidablemente as letras da súa obra permiten comprender as arelas do home e do artista e amosan claramente facetas da súa rica personalidade.

A súa relación con Galicia está tinxida do seu amor polo noso país, a quen considerou publicamente como a súa segunda patria. O 10 de maio de 1972 actuou en Santiago de Compostela, como parte da súa primeira xira por terras galegas, e no Burgo das Nacións interpretou primeira vez en directo o tema Grândola Vila Morena. Agora existe un parque co nome do luso por esa zona, na cal pode contemplarse unha placa que lembra esa actuación na que o de Aveiro ofreceu ao público a interpretación dunha canción que pasou a converterse nun símbolo, un tema que é un himno da liberdade, da fraternidade e da igualdade.

Cando a súa saúde sufriu un grave retroceso, os seus amigos galegos nunca o esqueceron e como sabían da súa delicada situación económica, foi triste que o estado portugués non apoiara a unha figura tan senlleira, axiña decidiron realizar actos para recadar fondos. No Auditorio de Castrelos vigués tivo lugar o 31 de agosto de 1985 un acto de homenaxe no que se xuntaron miles de persoas e no que participaron músicos e poetas. O resultado foi recollido nun álbum, Galiza a Jose Afonso, publicado por Edicións do Cumio.

A través do músico Júlio Pereira, quen tocou na súa banda, soubemos daquel recital tan especial dado en Cangas, xa que só había sete persoas no patio de butacas e cando os músicos xa estaban a falar de suspender o acto, Zeca decidiu realizar o concerto como se o local estivese ateigado, xa que para el "eses espectadores eran considerados como uns amigos e non tivo dúbida que era importante cumprir o compromiso con eles".

José Afonso morreu logo dunha longa enfermidade o 23 de febreiro de 1987 en Setúbal, aos 57 anos de idade, vítima de esclerose lateral amiotrófica.

Para conmemorar os vinte e cinco anos da súa morte, a Movieplay vai editar agora versións remasterizadas, con notas adicionais ás orixinais, asinadas polo xornalista Gonçalo Frota, dos once discos que José Afonso editou con eles. Na primeira semana de abril sairán á venda Cantares do andarilho e Contos velhos, novos rumos, e xa en maio editaranse Traz outro amigo também, Cantigas do Maio e Eu vou ser como a toupeira. En datas posteriores verán a luz Venham mais cinco, Coro dos tribunais e Com as minhas tamanquinhas, completándose o proxecto coa publicación o vindeiro ano de Enquanto há força, Fura, fura . Fados de Coimbra.

Precisamente será en Coimbra, cidade na que viviu uns anos cando era estudante, onde se celebre este ano o Festival José Afonso, que consta de tres espectáculos musicais que terán lugar entre o 27 e 29 de setembro. "Coimbra ten a obriga cívica, de cidadanía, cultural e social de evocar e homenaxear a Zeca Afonso", comentaron á prensa os responsables do concello.

O talento e personalidade do músico fai que a súa obra continúe totalmente vixente na actualidade.