-Citizen chega á Coruña avalada con oito candidaturas ós María Casares. Esperan encher o Fórum?

-Se non os tres días, a lo menos un. Esperamos un bo recibimento, coma sempre, porque na Coruña temos un público fiel desde a primeira representación, Río Bravo, no Rosalía alá polo ano 90 -eu aínda non chegara á compañía-.

-Unha obra baseada nun empresario textil chamado A. O., por todos coñecido. Houbo que censurar cousas para evitar polémicas?

-En absoluto. Queríamos traballar con toda liberdade, coma sempre, e montamos un espectáculo arredor dun personaxe -máis que dunha persoa- que merecía tal montaxe porque axudou a globalizar o mundo, o temos aí ó lado e ninguén sabe nada del. Do mesmo xeito, salvando as distancias, que fixo Orson Welles co personaxe de Charles Foster Kane, construímos unha ficción partindo dunha realidade, na que se entrecruzan feitos reais e datos históricos. A segunda parte pode ser máis crítica, porque se fala destas cooperativas que se montaron arredor desta multinacional textil, a maioría compostas por mulleres que gracias ó seu traballo e a comprometer a súa vida levaron a empresa onde está. Pero de momento non hai polémica, a ver se vén o propio A. O. a vela e aí igual pode habela (risas).

-Case catro horas de teatro. Como responde o público?

-Hai descansos e cambios, e está completamente testado, despois de representala en moitos sitios, que o aguante e a entrega do público mantéñense intactos. Existe xente que se vai, pero non é o normal, hai moitos que acaban participando. Estamos orgullosos de poder facer tres horas e media de teatro puro mantendo á xente entretida, ademais na Coruña nunca a representamos e xa hai ganas.

-A obra estreouse na Sala Nasa. Como viviron o seu peche?

-Con tristeza. Moitos de nós nacimos e formámonos como actores alí, e eu persoalmente se estou onde estou foi polo que me deixaron facer alí. Durante vinte anos foi o noso cuartel, o noso centro de produción e de exhibición. Foi a nosa vida, pero agora xa foi e xa estamos noutra; acolléronnos de moi bo grado en Teo e estamos moi ben.

-Ten saúde a cultura galega?

-Non, está moi desasistida, pero toda a cultura, non só a de Galicia. É terrible comprobar como os poderes públicos, con independencia da cor política, non lle dan ninguna importancia ós postos de traballo e á porcentaxe de PIB que xera a industria cultural. A imaxe que se da é de que os actores somos uns camándulas que non facemos nada, que "a ver se nos poñemos a traballar", e eu manteño tres fillos, así que se non traballara, xa me dirás. Cando pechan asteleiros ou empresas vese como algo tráxico, e de feito o é, pero non se ve como algo tráxico que peche unha compañía de teatro ou unha sala, cando se miras as cifras da cultura friamente, non envexan nada a outro sector.