A iniciativa de Galician Connection, que contaba coa dirección artística de Cristina Pato, comprendeu un programa formativo e un foro de debate, que se culminou cun bonito concerto no que estiveron no escenario os músicos implicados no evento, que foron Paquito D´Rivera, Sandeep Das, Emilio Solla, Guadi Galego, Anxo Pintos, Josep Vicent, Cristina Pato e Paco Charlín, quen a última hora debeu substituír ao músico chinés convidado, que tivo problemas cos seus papeis en París. A idea naceu na mente de Pato como resultado "do traballo que realizo con Yo-Yo Ma e o Silk Road Project. Con eles vivín como se pode crear unha comunidade de músicos, case como unha familia, onde da convivencia se extraen experiencias. Alí ves o que pode ser un artista total, non só o que sube a un escenario, senón aquel que asume outros labores e incluso dá un paso adiante se lle toca exercer de empresario".

A ourensá subliña que a idea estivo remoendo a súa cabeza un par de anos "e para sacalo adiante foi moi importante o traballo da produtora Nordesía e o apoio da Cidade da Cultura".

No concerto que culminaba esta experiencia notouse que a unión de músicos provintes de eidos diferentes fora formulada dun xeito intelixente. Pintos sinala que se lles pediu aos participantes "que mandásemos un par de pezas, xa foran de autor ou da tradición musical do país e logo entre todos, e coas suxestións de Cristina, fóronse facendo as combinacións entre músicos que nos semellaban máis axeitadas para presentar ao público o repertorio". Guadi Galego comenta que debía interpretar un tema porteño co pianista Emilio Solla "e tiña medo do meu acento, pero el animoume a interpretalo, e cando cantaba o tema indio con Sandeep eu dicíalle que llo ía destrozar el el porfiaba en que era todo o contrario. O que me abraiou dos compañeiros foi a gran capacidade que tiveron para meterse no teu e as ganas e admiración que puxeron ao tratar a nosa música. Foi unha experiencia única e o premio foi poder gozalo". Pintos destaca que cando principiaron a ensaiar xuntos "notamos que había algo especial no ambiente, que non é o normal. Creo que as conexións afectivas destes días traducíronse no musical. Para min participar neste evento foi algo totalmente impagable".

Respecto a se Galician Connection terá continuidade, Cristina Pato subliña que o realizado "non ten sentido se non segue adiante, mais todo depende dos apoios que teñamos. Eu son persistente, penso que este proxecto é algo moi especial e espero seguir coordinando máis edicións en anos vindeiros".